O Goberno municipal aprobará o próximo 29 de outubro o orzamento do Concello para o 2027, que estará en vigor desde o 1 de xaneiro e que ascende a 58.035.770 euros, un 10,64% máis respecto ao do ano 2026. O 56 % dos recursos destinaranse a bens correntes, servizos básicos e persoal, para fortalecer aínda máis a prestación de servizos públicos e conservar axeitadamente a infraestrutura do Concello.
Tamén se realizará un investimento moi significativo en novas obras e servizos, pensando principalmente na conservación e mantemento dos numerosos equipamentos e infraestruturas públicas. En total está previsto dedicar 22,8 millóns de euros para numerosas actuacións de asfaltados, melloras e creación de novos tramos de beirarrúas, renovacións da iluminación pública; melloras en parques e instalacións deportivas, sociais e culturais; obras de eficiencia enerxética en edificios municipais; e renovacións de redes de abastecemento de auga, saneamento e pluviais. Destacan a rexeneración das rúas da zona do Mercado en Perillo, a renovación da rede de augas en Montrove, a reurbanización completa do Paseo de Santa Cristina e das rúas Víctor López Seoane e Mendel, a senda costeira entre Naval e Canide, a renovación do paseo da ría entre A Fábrica e Agramar, a última fase das beirarrúas en Bartolomé de las Casas ou a renovación da cubertas do pavillón Valle-Inclán, da polideportiva Meixonfrío e da polideportiva de Iñás.
En canto aos ingresos hai varios incrementos importantes. Suben nun 15% os impostos indirectos debido á previsión de liquidacións adicionais; se incrementan nun 21% as transferencias correntes ante o importante aumento das achegas por parte do Estado aos concellos e as transferencias; medran nun 22% as transferencias de capital ante a obtención de máis recursos da Deputación e da Unión Europea; e tamén se prevé duplicar a venda de parcelas de propiedade municipal. Figura tamén un pasivo financeiro, aínda que realmente se estima que non será necesario –igual que en anos anteriores- ante a previsión de incorporación dos remanentes de Tesourería propios do Concello tras o peche do presente exercicio 2026.
Hoxe celebrouse unha asemblea con todas as entidades veciñais, culturais, deportivas e comisións de festas, na que o alcalde presentou o documento con detalle antes da súa aprobación no pleno municipal.
Estes orzamentos son unha aposta clara do Concello polo mantemento e mellora dos actuais servizos e infraestruturas públicas, que se ve plasmada tamén no capítulo de novos investimentos, investindo maioritariamente os recursos en obras de renovación e conservación. O incremento do orzamento está sustentado na suba dos recursos que se van a obter do Estado, a Deputación e a Unión Europa, así como unha maior recadación a través dos impostos indirectos e da venda de parcelas municipais.
GASTOS
Persoal: 14.152.785 €
Gastos correntes: 18.852.385 €
Gastos financeiros: 45.010 €
Transferencia correntes: 1.692.050 €
Fondo continxencia: 350.000 €
Investimentos reais: 22.877.540€
Transferencia capital: 30.000 €
Activos financeiros: 36.000 €
Pasivos financeiros: 0 €
INGRESOS
Impostos directos: 13.162.000 €
Impostos indirectos: 2.800.000 €
Taxas e prezos públicos: 3.552.850 €
Transferencias correntes: 17.888.306 €
Ingresos patrimoniais: 508.000 €
Alleamento invest. Reais: 2.094.279 €
Transferencias capital: 6.705.921 €
Activos financeiros: 36.000€
Pasivos financeiros: 11.288.413 €




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.