Wednesday 21 de October de 2026

O Concello de Outes informa do inicio das obras para dotar a Seilán dunha cuneta transitable na AC-196


• A actuación, atendida pola Axencia Galega de Infraestruturas a petición do Goberno local, mellorará de xeito substancial a seguridade viaria e peonil na zona.

• Concello solicita á veciñanza e aos condutores que extremen as precaucións ao circular polo tramo afectado debido á presenza de operarios e maquinaria.

O Concello de Outes comunica que xa deron comezo os traballos para a adecuación dunha cuneta transitable no lugar de Seilán, xusto á beira da estrada autonómica AC-196.
Esta intervención desenvólvese despois de que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)da Xunta de Galicia atendese formalmente a solicitude realizada polo Goberno municipal para dar resposta a unha demanda veciñal histórica.
O obxectivo principal deste proxecto é incrementar a seguridade viaria nun tramo que soporta un volume importante de tráfico. Coa construción desta cuneta de seguridade, non só se optimizará a drenaxe da estrada, senón que se habilitará un espazo moito máis seguro para o tránsito dos peóns e mellorarase a marxe de manobra para os vehículos en caso de necesidade.
Chamamento á precaución

Ao atoparse a obra en plena execución, dende o Concello de Outes faise un chamamento explícito á prudencia de condutores e viandantes. Prégase a máxima colaboración cidadá, respectar escrupulosamente a sinalización provisional e reducir a velocidade ao pasar pola zona para garantir a total seguridade tanto dos usuarios da vía como dos operarios que se atopan traballando na marxe da calzada.
O Goberno local agradece de antemán a comprensión dos veciños e veciñas polas molestias temporais que estes traballos poidan ocasionar, cuxo resultado redundará nun beneficio directo para o día a día do lugar de Seilán.

Deja un comentario