Wednesday 21 de October de 2026

Pedro Blanco reivindica en Dano Cerebral Santiago o papel das entidades sociais e avanza no Plan Especial do Terceiro Sector


“Traballaremos por unha Compostela con accesibilidade universal, unha cidade que non deixe a ninguén fóra e poña as persoas no centro das súas decisións”.

O candidato socialista comprométese a que as demandas e propostas do tecido social teñan un reflexo real no futuro Plan, con medidas concretas, recursos e unha colaboración constante co Concello.

“Entidades sociais como Dano Cerebral teñen que ser compañeiras de camiño da acción municipal. O meu Goberno implicarase e actuará para atender as súas demandas en materia de accesibilidade, mobilidade e apoio”, destacou durante a visita, enmarcada nas #ConversasDeBarrio.

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, comprometeuse a situar as entidades sociais no centro das políticas municipais e a desenvolver con elas respostas concretas ás necesidades da cidadanía. Fíxoo durante unha visita esta mañá á asociación Dano Cerebral Santiago, acompañado dos concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte, no marco das #ConversasDeBarrio para escoitar as súas demandas e incorporar as súas propostas ao proxecto de cidade.

A xuntanza forma parte das visitas que o candidato está a manter co tecido asociativo para enriquecer o futuro Plan Especial do Terceiro Sector con medidas concretas, construídas a partir da realidade e da experiencia das propias entidades. “Queremos avanzar en iniciativas útiles, reforzar a colaboración do Concello e mellorar a atención aos veciños e veciñas de Santiago”, sinalou.

Coincidindo coa conmemoración do Día do Dano Cerebral Adquirido, que se celebra o 26 de outubro, Pedro Blanco quixo achegarse á sede da asociación para visibilizar a realidade das persoas afectadas e das súas familias, así como contribuír a sensibilizar á sociedades sobre as necesidades e os retos aos que se enfrontan. “Entidades sociais como Dano Cerebral teñen que ser compañeiras de camiño da acción municipal. O meu Goberno implicarase e actuará para atender esas necesidades. Seredes unha prioridade”, apuntou o socialista.

Pedro Blanco compartiu a necesidade de avanzar cara un Concello plenamente accesible, que garanta o dereito á mobilidade de todas as persoas e elimine as barreiras que aínda dificultan a súa autonomía. “Traballaremos por unha Compostela con accesibilidade universal, unha cidade que non deixe a ninguén fora e poña as persoas no centro das súas decisións”, engadiu.
Así mesmo, reclamou á Xunta de Galicia un maior respaldo e incidiu nas dificultades que se atopan as familias para acceder á rehabilitación, aos apoios e aos recursos necesarios para que as persoas con dano cerebral adquirido poidan continuar coas súas vidas coa maior independencia e calidade de vida posibles.

Por último, Pedro Blanco agradeceu o traballo que realiza a asociación e a sensibilidade de todo o equipo e das familias que acompañan ás persoas afectadas. “Representades o mellor de Compostela, unha sociedade humana, inclusiva e comprometida coas persoas”. As #ConversasDeBarrio continúan así o seu percorrido pola cidade coa vontade de construír un proxecto para Santiago desde a escoita e participación, contando co sentir de quen traballa cada día sobre o terreo e coñece de primeira man as necesidades da veciñanza.

Deja un comentario