O Concello de Carballo continúa a desenvolver durante este outono distintas accións de sensibilización e formación arredor da xestión dos residuos cunha filosofía común: producir menos lixo, aproveitar mellor os recursos e separar correctamente aquilo que finalmente se converte en residuo.
A campaña combina actuacións informativas coa aprendizaxe práctica. Na rúa Coruña mantense o punto de información de Ti tes a chave, que volverá estar operativo este xoves co obxectivo de seguir incorporando familias ao voluntariado marrón, no que xa participan arredor de 1.800 fogares. A sensibilización esténdese tamén á hostalaría, mediante visitas directas aos establecementos para mellorar a separación da materia orgánica.
Outro dos piares é a prevención. O Concello continúa coa entrega gratuíta de composteiros domésticos para que os restos orgánicos poidan transformarse en compost nos propios fogares, e promove actividades que inciden directamente na redución dos residuos.
Nesta liña celebrouse esta semana un curso de aproveitamento alimentario e redución do desperdicio, coas prazas completas en pouco tempo. A programación inclúe tamén obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil, para persoas adultas e tamén para a rapazada, nos que se aprende a reparar, transformar e prolongar a vida útil da roupa.
Todas estas accións parten dunha mesma idea: antes de reciclar, hai que intentar reducir; antes de tirar, aproveitar; e cando o residuo é inevitable, separalo correctamente.
Deste xeito, o Concello pretende implicar a cidadanía nun modelo máis circular no que os restos orgánicos poden converterse en compost, os alimentos poden aproveitarse mellor e unha peza téxtil pode repararse ou transformarse antes de acabar no lixo.
As actuacións están dirixidas a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal e están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.