Friday 22 de November de 2024

Os departamentos de Turismo de Galicia e Paraguay colaboran para a promoción do Camiño de Santiago e da Ruta Xesuítica


A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación ‘Paraguay como destino turístico’ que contou coa participación da ministra de Turismo do país

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou a colaboración “cada vez máis intensa” que existe entre Galicia e Paraguay en canto á promoción turística de ambos os dous países e lembrou que, pese á distancia, os dous países teñen grandes similitudes como, por exemplo, o Camiño de Santiago e a Ruta Xesuítica paraguaia. A directora fixo estas declaracións no transcurso da presentación Paraguay como destino turístico, na que participou a ministra de Turismo de Paraguay, Marcela Bacigalupo.

Durante o acto, que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid, a ministra de Turismo de Paraguay expuxo o atractivo turístico do seu país, facendo especial fincapé na Ruta Xesuítica, para presentarse como destino ante os operadores turísticos da capital española. É a segunda xornada deste tipo celebrada en España, despois de que onte se realizase un primeiro encontro con turoperadores e medios de comunicación en Santiago de Compostela.

Esta cooperación aséntase no convenio asinado entre Galicia e Paraguay na última edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), na presenza do Secretario Xeral da Organización Mundial do Turismo, Taleb Rifai. A raíz deste acordo, Galicia visitou recentemente Paraguay e puido presentar o Camiño de Santiago e Galicia ante os principais operadores turísticos, o que fixo posible establecer importantes contactos comerciais e institucionais.

Ademais, tal e como lembrou a directora de Turismo de Galicia, grazas ao acordo asinado, ambos destinos traballan conxuntamente para fomentar o intercambio de experiencias e o fluxo de información sobre formación hoteleira e turística. Tamén se están poñendo en marcha, de xeito coordinado, programas de capacitación e formación de estudantes de ambas rexións no sector turismo e a difusión de información sobre eventos culturais que teñen lugar nos dous lugares.