Monday 19 de October de 2026

A Xunta de Goberno Local aproba a convocatoria de subvencións para a promoción do deporte escolar durante este curso


O Concello de Carballo destinará 16.000 euros á promoción do deporte escolar durante o curso 2026-2027. A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns as bases dunha convocatoria dirixida a financiar escolas deportivas en horario extraescolar para alumnado de educación infantil e primaria.

As subvencións deportivas están dirixidas a ANPAs, seccións deportivas de ANPAs e agrupacións deportivas escolares vinculadas a centros educativos sostidos con fondos públicos. Financiarán actividades desenvolvidas entre outubro de 2026 e maio de 2027, coa finalidade de achegar distintas modalidades deportivas ás crianzas e contribuír á súa formación integral, á adquisición de hábitos saudables e á convivencia.

As axudas poderán cubrir ata o 100 % do orzamento subvencionable, cun límite de 14 euros por sesión e sen que o conxunto dos ingresos supere o custo da actividade. Entre os gastos admitidos figuran os de persoal, material non inventariable, seguros e determinados gastos de funcionamento.

A convocatoria admitirá un único proxecto conxunto por centro. Na valoración teranse en conta o número de escolas e sesións programadas, a promoción da práctica deportiva feminina e a incorporación de modalidades sen implantación no sistema deportivo local.

O prazo de solicitude será de 15 días hábiles desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Acordos urbanísticos
No apartado urbanístico, a Xunta de Goberno Local autorizou a reforma de parte da entreplanta dun edificio situado na avenida de Fisterra para habilitar unha vivenda con dous dormitorios na fronte desta rúa. O resto da planta manterase como local libre.

Tamén se concedeu licenza para transformar un local da planta baixa dun edificio da rúa Gran Vía nunha vivenda con acceso directo desde a vía pública. A reforma abrangue unha superficie de 99,60 metros cadrados e permitirá crear unha vivenda dun dormitorio, tamén sen ampliar a superficie nin o volume do inmoble.
A terceira licenza corresponde á construción dunha vivenda unifamiliar de planta baixa na parroquia de Oza, cunha superficie construída de 185,10 metros cadrados e tres dormitorios. O acordo inclúe a aceptación da cesión de 25,50 metros cadrados para a regularización do viario público.

Na sesión deuse conta, ademais, dun decreto da Alcaldía do 28 de setembro relativo á construción dunha nave industrial destinada a unha planta ecosaudable de elaboración de produtos panificados na parcela E1 da rúa da Madeira, no parque empresarial de Bértoa.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local denegou a modificación estrutural solicitada para un establecemento de comidas e bebidas ao servizo da praia de Razo, ao non estar amparada pola autorización autonómica para a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Deja un comentario