A veciñanza poderá retirar dende mañá os convites para o monólogo na biblioteca municipal
O Concello de Neda estrea este venres a nova edición de “Tempo para o teatro”. E faino co espectáculo “Enredadas no Camiño”, un monólogo da tiktoker e creadora de contido galega Leti da Taberna, que chega a vila no marco do programa O teu Xacobeo. Dende este martes poderanse retirar os convites na biblioteca municipal.
Neda converterase este venres na última parada da xira que, dende o pasado mes de agosto, levou a humorista por dez vilas, situadas dentro das distintas rutas de peregrinación. O espectáculo que combinará humor, improvisación e historias vencelladas ao rural galego e ao universo do Camiño de Santiago.
A creadora galega, con máis de 136.000 seguidores en Instagram e TikTok, presenta unha versión adaptada de “Enredada”, o seu primeiro monólogo, que leva a esencia desta proposta ás rutas xacobeas. e incorpora novas historias e experiencias recollidas en cada localidade a través de pezas audiovisuais creadas especificamente para cada parada.
Dúas preguntas marcan o punto de partida do espectáculo: É posible desconectar de verdade nun mundo que nunca para, nin sequera peregrinando? Pode convivir a vida moderna coa calma e as particularidades do rural galego? Ademais, Leti sairá ao encontro de persoas peregrinas, veciñanza e xente que vive e traballa ao pé das rutas xacobeas para coñecer e recoller esas pequenas grandes historias que fan do Camiño unha experiencia única.
O espectáculo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, será de balde, con invitacións. Quen queiran asistir poderá recoller dende este martes os convites na biblioteca municipal (de 9 a 13 horas e de 17 a 20 h). Cada persoa poderá retirar un máximo de dúas entradas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.