Monday 19 de October de 2026

O Concello de Oleiros inicia as obras de mellora do depósito da Edreira, o principal do municipio


O Concello iniciou as obras de mellora do depósito da Edreira, o principal do municipio, cun investimento de 368.288,98 euros. Estas obras son imprescindibles para optimizar o funcionamento da rede de abastecemento de auga e mellorar a calidade do servizo que se presta á cidadanía.

A execución dos traballos require baleirar, limpar e volver encher o depósito, polo que durante o desenvolvemento das obras poderían producirse incidencias puntuais de presión na subministración de auga, así como algún episodio de turbidez, en zonas de Oleiros, Montrove, Dorneda, Mera, Dexo e Lorbé.

Neste momento estanse a desenvolver xa os traballos iniciais. A fase máis crítica da intervención está prevista para as próximas semanas e terá unha duración duns 20 días.

O Concello pide comprensión á veciñanza polas posibles molestias que poidan ocasionar estes traballos, necesarios para mellorar as instalacións e garantir un mellor servizo de abastecemento de auga no municipio.

Deja un comentario