Cristal, aparcamento das Dunas e rúas Mariño de Rivera son os tres lugares nos que se actuará dentro do POS+2025
O goberno municipal de Ribeira continúa traballando na mellora de servizos básicos coa adxudicación do saneamento de Cristal e as pavimentacións no acceso ao aparcamento das Dunas e na rúa Mariño de Rivera. Trátase dunha serie de actuacións que supoñen un importe total de 114.445,80 euros, dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña.
A actuación que supón un maior investimento é a substitución do asfalto do camiño de acceso á zona de aparcamento da praia das Dunas, adxudicada á empresa Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L. (Marconsa) por unha contía de 43.370,47 euros, impostos incluídos, ao ser a mellor proposta das dúas que optaron ao proceso de licitación. En consecuencia, mellorarase a seguridade viaria da zona coa extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico e pintado de sinalización horizontal na vía cun prazo de execución de dous meses.
Tamén se adxudicou o saneamento no lugar de Cristal, na parroquia de Olveira, por 38.445,33 euros, IVE incluído, a Lisardo Excavaciones, S.L. por contar coa mellor oferta das dúas empresas que concorreron ao proceso. A dita intervención traducirase na ampliación da rede existente para dar servizo á veciñanza da zona.
Para tal fin, instalarase a canalización das augas e implantarase un bombeo para o seu impulso á rede xeral. Posteriormente, reporase todo o firme en formigón. O prazo de execución para a totalidade é de tres meses.
Así mesmo, adxudicouse a renovación do firme na rúa Mariño de Rivera, en pleno centro urbano, cunha capa de formigón en cor para facilitar a comunicación peonil entre a rúa Mendiño e a praza Uxío Novoneyra. O resto da referida vía irá cunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente. Canarga, S.L. realizará esta actuación por 32.630 euros, IVE incluído, nun prazo dun mes.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.