A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional abre a reserva anticipada da 12ª edición do seu xa tradicional Calendario Solidario. O proxecto conta ca colaboración do fotógrafo Pichero e xira arredor dunha temática moi especial: o cinema español.
Máis alá de render homenaxe ás grandes películas do noso cine, esta iniciativa combina creatividade e inclusión coa participación activa das persoas usuarias de Ambar. O seu obxectivo principal é visibilizar a diversidade e impulsar proxectos que garantan unha vida independente e plena na comunidade.
Fondos para o proxecto de Vivendas Inclusivas
A recadación obtida ca venda dos calendarios destinarase íntegramente a impulsar o proxecto de Vivendas Inclusivas no edificio de Praia Xardín, un espazo cedido polo Concello de Boiro. Esta iniciativa supón un paso fundamental para seguir promovendo o benestar, a autonomía e o dereito á vida independente das persoas con diversidade funcional.
Reserva anticipada e promoción especial
Para garantir que todas as persoas interesadas poidan adquirir o seu exemplar, a modalidade de prevenda xa se atopa activa.
Como agradecemento polo apoio inicial, as primeiras 20 reservas recibirán un agasallo artesanal exclusivo, elaborado polas propias persoas usuarias nos obradoiros da asociación.
Vías de reserva e contacto
A reserva anticipada pódese realizar a través das seguintes canles:
• Web: asociacionambar.org/calendario-solidario-2027/
(Na compra web pódese escoller entre envío a domicilio —que se efectuará en canto os calendarios estean dispoñibles— ou recollida no centro, caso no que se enviará un aviso para pasar a buscalo).
• Teléfono: 981 87 44 80
• Correo electrónico: comunicacion@asociacionambar.org
• Presencialmente: Achegándose ó Centro de Recursos de Ambar.
Unha duodécima edición a cal demostra que a creatividade e a inclusión camiñan da man. Cada calendario non é só un tributo ó cine, senón unha ferramenta esencial para seguir construíndo unha sociedade máis xusta, onde a vida independente sexa unha realidade para todas as persoas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.