• A unión das rúas ven recollida no PXOM de 1989 e no Planeamento Especial da Cidade Histórica aprobado en 1997.
• A actuación é considerada fundamental para mellorar a mobilidade da Almáciga e dos barrios da contorna.
A candidata á Alcaldía Mercedes Rosón, reclama ao goberno municipal que dea pasos efectivos para impulsar a apertura da conexión entre a rúa de Arzúa e Basquiños-Santa Clara, unha actuación que o Pleno aprobou por unanimidade hai tres anos a proposta da propia edil e que continúa a ser unha demanda relevante para mellorar a mobilidade da zona da Almáciga.
Mercedes Rosón lembra que a iniciativa aprobada no Pleno tiña como obxectivo avanzar na apertura dun novo viario que permitise conectar mellor este ámbito co resto da cidade, facilitando os desprazamentos da veciñanza e mellorando a relación entre barrios como a Almáciga, A Estila, Espírito Santo, Ultreia, San Caetano e Basquiños. “A actuación leva aprobada, por unanimidade, desde 2023 e nada sabemos da apertura do viario”, criticou a concelleira Non Adscrita, quen engadiu que “estamos a falar dunha actuación prevista no PXOM de 1989 e que posteriormente se incorporou ao Plan Especial da Cidade Histórica”.
Para a candidata á Alcaldía, estas cuestións deben abordarse mediante o traballo técnico e administrativo necesario, co obxectivo de determinar a viabilidade da actuación e avanzar cara a súa materialización. Rosón sinalou que a conexión pode contribuír a mellorar a mobilidade nunha zona cunha trama urbana complexa, marcada polas pendentes e polas dificultades de comunicación entre distintos ámbitos do barrio. A concelleira subliñou que esta conexión beneficiaría “non só á veciñanza en xeral, senón moi especialmente ao alumnado do CEIP Apóstolo Santiago”.
O futuro do ámbito DEP-25
Na mesma sesión plenaria, os grupos municipais acordaron modificar o segundo punto da proposta de Rosón para substituír a obtención directa do ámbito DEP-25 pola realización dun estudo sobre o seu futuro, tendo en conta as necesidades actuais da veciñanza.
A edil considera necesario dar cumprimento tamén a este acordo ao estimar que “o goberno tivo tempo máis que suficiente para analizar as posibilidades do ámbito e as demandas da zona” e así xa poder adoptar unha decisión sobre a súa ordenación e os posibles usos dotacionais.
Tres anos despois da aprobación da iniciativa, Mercedes Rosón reclama que o executivo local informe do estado das actuacións, concrete os pasos pendentes e estableza unha folla de ruta para avanzar tanto na conexión entre Arzúa e Basquiños-Santa Clara como no estudo do ámbito DEP-25. “Non podemos deixar que pasen outros tres anos para a posta en marcha dunha iniciativa coa que a totalidade da corporación municipal estaba dacordo”, sentenciou Mercedes Rosón.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.