Sunday 18 de October de 2026

Ribeira dá a benvida a unha nova edición do Programa de Dinamización e Promoción Social das Persoas Maiores


 Este curso conta cos mellores datos con más de medio milleiro de persoas inscritas

Co mes de outubro empezaron os distintos obradoiros que conforman o Programa de Dinamización e Promoción Social das Persoas Maiores que pon en marcha o Concello de Ribeira no curso 2026-2027; unha edición que conta cos mellores datos ata o de agora, pois hai máis de 500 persoas inscritas.

Trátase dun programa que se descentraliza da cidade para levalo tamén ás parroquias cun total de oito obradoiros dende o 5 de outubro de 2026 ata o 15 de xuño de 2027: estimulación da mentememoria, enriquecemento educativo, lingua e cultura galega, conversa en inglés, artes plásticas, taek-health, ximnasia adaptada e cantares e tradicións. A disciplina que esperta maior interese é a ximnasia adaptada (358 inscritos), seguida de memoria (251) e taekhealth (188).

O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, desprazouse nestes días, xunto a outros edís, ata os distintos espazos onde se imparten as clases para dar a benvida aos veciños e veciñas asistentes. “Neste curso contamos cuns datos excepcionais, pois temos máis de medio milleiro de veciños e veciñas participantes. A maioría son mulleres, con 464 inscritas, pero tamén conseguimos chegar nesta ano a máis homes, con 54 anotados. E, dada a demanda, ampliamos a ximnasia adaptada para impartila tamén en Oleiros e Olveira e creamos un novo grupo de memoria en Ribeira”, destaca o edil. Mariño quixo lembrar tamén as principais novidades como ser a de maior duración de tódalas edicións previas, incrementar 15 minutos a duración de cada grupo das conversas en inglés, o taek-health como programa pioneiro a nivel nacional e a incorporación de cantares e tradicións.

As persoas destinatarias son aquelas pensionistas do Sistema da Seguridade Social con 60 anos cumpridos ou máis idade, e empadroadas en Ribeira.

Os obxectivos específicos do programa son promover o envellecemento activo; evitar o sedentarismo, illamento e pasividade; fomentar a participación de grupo e relacións interpersoais da poboación maior de 60 anos do municipio; ampliar a oferta de ocupación do tempo de ocio; aumentar a frecuencia das actividades positivas co colectivo de maiores; motivar as persoas maiores en accións comunitarias; e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Deja un comentario