Sunday 18 de October de 2026

Carballo convida a vivir o outono presumindo de xardíns e dándolles unha nova vida ás plantas de temporada


• A rapazada poderá colocar as súas cabazas decoradas en cinco espazos públicos a partir do mércores 21

• O xoves 22, desde as 10.00 horas, repartiranse no mercado municipal plantas retiradas dos xardíns

Os xardíns de Carballo comezan a vestirse de Samaín. A colocación de cabazas, que vai camiño de converterse en tradición, xa está en marcha e, a partir do mércores 21 de outubro, os nenos e as nenas tamén poderán contribuír á decoración dos espazos públicos coas súas propias creacións. A proposta coincidirá co reparto entre a veciñanza de plantas retiradas dos xardíns municipais, que se realizará o xoves 22 no mercado.

Participar no coidado dos lugares que compartimos e aproveitar os recursos naturais son as ideas que unen ambas as iniciativas. Co cambio de estación, o Concello de Carballo, coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín, quere facer partícipe á cidadanía da renovación dos xardíns, tanto a través da creatividade infantil como da oportunidade de seguir coidando na casa plantas que rematan o seu ciclo nos espazos públicos.

A campaña Presume de xardíns, integrada no programa de sensibilización ambiental Catro estacións, volve convidar á cativada e ás súas familias a preparar cabazas decoradas e colocalas nos lugares reservados para elas. Deste xeito, unha tradición tan característica do Samaín convértese tamén nunha oportunidade para reforzar o vínculo das crianzas coa súa contorna e fomentar o respecto polas zonas verdes e os bens comunitarios.

Desde o mércores 21 de outubro, poderán deixar as súas cabazas nos seguintes puntos:
• Parque do Chorís
• Rúa Eduardo Pondal
• Zona verde da contorna do Fórum Carballo
• Praza da Cruz Vermella
• Exterior do CEIP Nétoma-Razo

A iniciativa permitirá crear unha decoración colectiva na que cada neno e cada nena poderá achegar o seu toque persoal, enchendo de imaxinación e cor os xardíns durante estas datas.

Unha segunda vida para as plantas
O cambio da planta de temporada tamén permitirá levar un anaco dos xardíns municipais aos fogares. O xoves 22 de outubro, a partir das 10.00 horas, realizarase entre a clientela do mercado municipal un reparto das plantas retiradas que aínda están en condicións de seguir medrando. Un tícket de compra, unha planta (máximo unha por persoa).

A renovación estacional dos xardíns implica substituír as flores da primavera e do verán por outras adaptadas ás condicións do outono e do inverno. Entre os exemplares que se retiran, algúns poden continuar a súa vida co coidado da veciñanza. Con este reparto, o Concello promove o aproveitamento das plantas e estende aos fogares o interese pola xardinaría.

As cabazas compartidas nos espazos públicos e as plantas recuperadas para as casas ofrecen así dúas maneiras de participar nun mesmo obxectivo: facer de Carballo un concello máis coidado coa implicación de todas e todos.

Deja un comentario