Sunday 18 de October de 2026

Pepe Mujica, “a voz dos que non teñen voz”, vivirá para sempre no paseo da ría


O paseo que percorre o interior da ría xa sen interrupcións entre A Pasaxe e O Graxal xa ten nome. E non un nome calquera. O de Pepe Mujica, un dos grandes persoeiros de entreséculos que ademais de chegar a presidente do seu país foi todo un exemplo de humildade, honestidade e humanismo nun momento en que xa asomaban de novo as sombras do totalitarismo. En palabras do alcalde, Ángel García Seoane, “o mellor nome posible acorde a este magnífico espazo público”.

Ángel García Seoane destacou que este logro garante o acceso público aos 26 quilómetros de costa do municipio e resolve a conexión peonil con Cambre e Culleredo tras intensas xestións ante o Ministerio, do que citou expresamente ao secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, quen aceptou as demandas municipais para que a conexión peonil entre Culleredo, Cambre e Oleiros sexa unha realidade, con espazos públicos destinados á convivencia, o deporte e a lembranza de figuras universais comprometidas cos dereitos humanos e a democracia.

O alcalde falou tamén da traxectoria humana e política de Pepe Mujica, destacando a súa loita revolucionaria, os 14 anos de prisión e tortura que sufriu e a súa posterior capacidade de perdón. Durante o seu mandato presidencial a partir de 2010, subliñou o notable avance socioeconómico do Uruguai en áreas como a redución da pobreza, o crecemento salarial, o desenvolvemento de enerxías renovables e a ampliación de dereitos sociais, en contraste co contexto de crise e intervencións financeiras en Europa. Do mesmo modo, resaltou a súa dimensión como pensador e referente ético global fronte aos retos do capitalismo e a era dixital. “Mentres en Europa rescataban bancos co diñeiro do pobo —lembrou García Seoane— en Uruguai medraba a economía, subían os salarios, baixaba o paro, construíanse vivendas, iniciaban a independencia enerxética do país que hoxe satisfai con renovables o 90% da enerxía que necesita, aprobaban o matrimonio igualitario e se ampliaban os programas de protección á infancia e á educación”.

O discurso do alcalde tamén puxo en valor os profundos lazos históricos e de irmandade entre Galicia e o Uruguai, marcados pola emigración galega e por figuras de ascendencia local que alcanzaron gran relevancia na historia uruguaia. Claudio Willian, fillo dun muller de Maianca, chegou a ser presidente do país entre 1907 e 1911 e outro descendente de emigrantes merachos, Fernando Lugrís, é hoxe un dos principais diplomáticos do país.
O acto contou coa presenza da senadora Blanca Rodríguez, de ascendencia galega e considerada continuadora do legado político de Mujica, á que se lle ofreceu un firme apoio institucional e unha invitación a regresar no futuro.

Deja un comentario