Sunday 18 de October de 2026

Mercedes Rosón apoia a mobilización contra os PIA e defende á veciñanza afectada polos proxectos de Lavacolla e Mallou


 

• As concelleiras Non Adscritas denuncian que os intereses económicos non poden estar por riba da cidadanía e do patrimonio, e reclama garantías para as persoas afectadas polos proxectos.
• Rosón pide solucións tamén para os propietarios de Mallou ante a “indefensión polos prazos, angustia polos prezos e incerteza porque non saben como actuar”.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2026. As concelleiras Non Adscritas Mercedes Rosón, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños participaron hoxe na manifestación convocada na Alameda de Santiago contra os Proxectos de Interese Autonómico (PIA), para amosar o seu apoio ás plataformas veciñais afectadas e, especialmente, ás persoas que sofren de preto os proxectos previstos en Lavacolla e Mallou.

Rosón explicou que as Non Adscritas levan semanas en contacto coa Plataforma Salva Sabugueira para coñecer a situación da parroquia ante o parque empresarial que a Xunta de Galicia e unha promotora privada pretenden desenvolver mediante un PIA. A concelleira lembrou o roteiro realizado a pasada semana pola zona afectada, no que o portavoz da plataforma, Manuel Salgado, advertiu da falta de garantías deste procedemento.

“Non podemos permitir que os nosos veciños e veciñas queden desprotexidos polas institucións. Debémonos á cidadanía e temos que traballar por e para ela”, afirmou Rosón, que considera que “os intereses económicos das promotoras privadas e da Xunta non poden estar por riba da conservación do patrimonio e, menos aínda, da cidadanía”.

A concelleira puxo en valor a mobilización dunha veciñanza que se organiza, se informa e defende a súa contorna, e subliñou que o rexeitamento a estes proxectos non é unha realidade exclusiva de Santiago, senón unha preocupación compartida por colectivos de diferentes puntos de Galicia.

Lavacolla: o desenvolvemento industrial non pode facerse de costas á veciñanza

No caso de Lavacolla, as Non Adscritas xa defenderon no Pleno municipal o arquivo do procedemento do PIA e a procura de alternativas para o desenvolvemento industrial a través dos instrumentos de planificación ordinarios e coa ampliación do polígono da Sionlla co solo industrial xa proxecto e “sen afeccións a unha contorna de especial protección” como no caso da Sabugueira. Rosón insiste en que a necesidade de actividade económica non pode servir para xustificar unha tramitación que, ao seu xuízo, non garante suficientemente a protección do territorio e das persoas afectadas.

A concelleira reclama que se escoite á Plataforma Salva Sabugueira e que as decisións sobre o futuro da parroquia teñan en conta as consecuencias sobre a veciñanza, o patrimonio e a contorna do Camiño de Santiago.

Mallou: vivenda urxente, pero tamén diálogo e valoracións xustas

Rosón lembrou tamén a situación das veciñas e veciños propietarios de parcelas en Mallou, afectados polo desenvolvemento urbanístico do SUD-1, que prevé a construción de arredor de 4.000 vivendas. A concelleira considera que a necesidade de ampliar a oferta residencial é incuestionable, pero critica que as formas coas que se está a tramitar o proxecto deixe as persoas propietarias nunha situación de indefensión.

“A única posición lóxica, comprensible e que atende á nosa responsabilidade como representantes cidadáns de Santiago é acompañar ás veciñas e veciños propietarios de parcelas en Mallou, que se atopan nunha situación de indefensión absoluta polos prazos, de angustia polos prezos e de incerteza porque non saben como actuar”, sinala.

A concelleira considera que a crise da vivenda non xurdiu de maneira espontánea, senón que é consecuencia de décadas de falta de planificación e de políticas insuficientes para garantir o acceso a unha vivenda. Por iso, entende que a urxencia de promover novas residencias non pode utilizarse para reducir as garantías das persoas afectadas.

As Non Adscritas defenden que cómpre buscar unha solución mediante o diálogo e dentro do marco legal, garantindo unha compensación xusta ás familias afectadas. “Pagar tres euros por metro cadrado, ou algo máis, por un solo no que se van promover 4.000 vivendas non semella o máis xusto. Haberá que buscar unha solución dentro do marco legal”, sostén.

A concelleira apunta, ademais, que a resposta non pode limitarse a reclamar actuacións á Xunta, ao Instituto Galego da Vivenda e Solo ou ao Concello. Ao seu xuízo, tamén é necesario abordar a normativa estatal que determina os criterios de valoración do solo, para evitar que situacións semellantes volvan xerar incerteza e conflitos en futuros desenvolvementos residenciais.

“Se queremos evitar problemas futuros, o que cómpre esixir é unha modificación lexislativa a nivel estatal na regulación do solo e no regulamento de valoracións. Se esiximos responsabilidades, esixámolas a todas as administracións”, defende Rosón.

A concelleira reitera que as Non Adscritas acompañarán as reclamacións da veciñanza de Mallou e apoiarán as medidas que permitan avanzar na promoción de vivenda, pero reclama que ese obxectivo se compatibilice cos dereitos das persoas propietarias e cunha actuación responsable das administracións.

Escoitar á cidadanía e defender o interese xeral

Rosón conclúe que a mobilización deste sábado é unha oportunidade para amosar apoio ás persoas afectadas polos diferentes PIA e reclamar que as decisións urbanísticas se adopten con transparencia, garantías e participación cidadá.

“Hoxe estamos aquí para seguir escoitando á xente, amosar que non é unha realidade única do noso Concello e defender o interese xeral. Por iso nós tamén dicimos non aos PIA”, afirma.

Deja un comentario