Goretti Sanmartín salientou “a súa experiencia como traballadora da Administración Local, a súa formación humanista, o coñecemento desta casa e a súa traxectoria política” para afrontar os retos da Concellaría e “achegarlle un enfoque cara á veciñanza e a perspectiva do para que e o para quen ten que funcionar a Administración”
A rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, anunciou esta mañá que a Saleta Chao Rivas tomará posesión como concelleira de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración no Pleno ordinario do mes de outubro. A toma de posesión como concelleira está prevista para o Pleno ordinario de outubro, que terá lugar o xoves 29.
A alcaldesa explicou que as áreas das que se vai encargar Saleta Chao contan, na actualidade, cun cadro de persoal profesional especialista, que se foi renovando e ampliando nos últimos anos. “Hai moito talento que está realizando unha transformación da maquinaria interna desta Administración” asegurou Goretti Sanmartín, para engadir que “Saleta vai achegar algo novo, un enfoque cara á veciñanza, respondendo ás preguntas de para que e o para quen teñen sentido os retos políticos que nos poñemos nestas áreas”.
A rexedora tamén puxo en valor a experiencia de Saleta Chao “como traballadora da Administración Local, a súa formación humanista, un coñecemento moi relevante desta casa e de cales son os procedementos –en referencia a que formou parte do equipo de goberno ata hai un ano- e, sobre todo, a súa traxectoria política na militancia e tamén desenvolvendo o seu labor como deputada e sendo a voz de Santiago de Compostela no Parlamento”. Unha combinación que definiu como “un aval moi importante á hora de afrontar os retos das áreas de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración.”
Retos
Pola súa banda, Saleta Chao asegurou que asume a Concellaría como “unha inmensa responsabilidade” mais tamén como “un privilexio para servir á veciñanza do Concello no que resido”. Sobre as áreas das que se vai encargar sinalou que, se ben “desde fóra son as menos agradecidas” tamén son “fundamentais para garantir que a Administración funcione a pleno rendemento e desde as que se pode facer moito traballo que cambia e que transforma o día a día de santiagueses e santiaguesas”.
Indicou que continuará co traballo xa iniciado por Manuel César Vila no actual mandato cunha “mirada longa e de transformacións que duren no tempo e que se estendan mínimo ata a próxima década”.
Neste sentido, puxo como exemplo tres “obxectivos a consolidar”. O primeiro situouno na área de Persoal, e manifestou a vontade de seguir colaborando coa representación sindical e seguir mantendo o diálogo, por entender que o persoal “é o maior activo que ten esta Administración para garantir bos servizos á cidadanía e o persoal que traballa nela debe facelo nas mellores condicións”.
En Modernización da Administración referiuse aos retos en mellora da Transparencia e en simplificar as relacións entre Administración e cidadanía, asegurando que se continuará avanzando para consolidar cambios importantes para simplificar a relación administrativa coa veciñanza.
No aspecto económico mencionou tres cuestións. En primeiro lugar, rematar as mudanzas para axilizar a tramitación de expedientes económicos. En segundo, continuar traballando para afrontar a emerxencia habitacional con mecanismos como a recarga ás vivendas baleiras. E por último, sinalou o traballo para acadar máis recursos para atender tanto as necesidades da veciñanza como das persoas visitantes e as derivadas da capitalidade, mencionando o imposto de estadías e a reclamación de máis fondos para Compostela por mor da súa condición de capital do país.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.