Friday 16 de October de 2026

Pedro Blanco reivindica en Vista Alegre o protagonismo dos barrios como punto de partida para “poñer Santiago en marcha”


Tras os encontros mantidos ata o momento coas #ConversasDeBarrio, Pedro Blanco advertiu dunha preocupación que se repite: a sensación de abandono e a falta de resposta do goberno municipal ante problemas que se acumulan e que comparten moitos barrios.

O candidato socialista destacou que “vou gobernar pisando rúa porque a transformación de Compostela ten que comezar polos barrios, actuando sobre os problemas reais da veciñanza, e tendo ambición para construír a cidade que queremos”.

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reivindicou en Vista Alegre o protagonismo dos barrios como punto de partida para “poñer Santiago en marcha”. O candidato socialista continúa percorrendo os barrios e parroquias de Compostela coas #ConversasDeBarrio, escoitando directamente á veciñanza e abordando as súas preocupacións para darlles resposta co proxecto de cidade socialista.
Tras os encontros mantidos ata o momento, Pedro Blanco advertiu dunha preocupación que se repite: a sensación de abandono e a falta de resposta do goberno municipal ante problemas que se acumulan e que comparten moitos barrios. Para o socialista estas demandas evidencian a importancia de contar cun “Concello próximo, que escoite ás entidades veciñais e se implique” na procura de solucións aos problemas do día a día dos santiagueses.
“Vou gobernar pisando rúa porque a transformación de Compostela ten que comezar polos barrios, actuando sobre os problemas reais da veciñanza, e tendo ambición para construír a cidade que queremos”, sinalou.
Na súa xuntanza coa asociación veciñal de Vista Alegre, Pedro Blanco recolleu diversas demandas relacionadas coa mobilidade, o mantemento dos espazos públicos e o reforzo das infraestruturas e servizos do barrio. Entre as cuestións trasladadas figuran a falta de aparcamento, a eliminación dalgunhas paradas de autobús, a mellora dos parques infantís e a necesidade de revisar o cableado da iluminación pública e a preocupación polos cortes de luz. Ademais, reclamou unha maior sensibilidade do goberno municipal para mellorar e ampliar as instalacións da asociación, co obxectivo de reforzar a súa actividade e programación.
O candidato socialista, acompañado da concelleira Marta Abal, destacou que Santiago require dunha folla de ruta clara, capaz de impulsar novas oportunidades e modernizar a cidade, pero que tamén preste atención ao estado dos espazos públicos, ao funcionamento dos servizos e ás necesidades concretas de cada barrio e parroquia. Unha transformación que, na súa opinión, debe “chegar a toda a cidade e contar coa participación da veciñanza”.
Neste camiño, as #ConversasDeBarrio constitúen unha ferramenta para construír o proxecto socialista desde o contacto directo coa cidadanía. “Unha forma de facer política que parte da escoita, permite identificar prioridades e busca que as propostas para o futuro de Santiago respondan á realidade de quen vive e traballa na cidade. Escoitar para acertar”.
“Para poñer Santiago en marcha temos que coidar do que xa temos, mellorar aquilo que non funciona e darlle aos santiagueses o protagonismo para decidir cara a onde queremos avanzar”, concluíu.

Deja un comentario