Friday 16 de October de 2026

Sae a licitación a primeira fase da mellora da rede de abastecemento e pavimentación da avenida de Ferrol


 O Concello de Ribeira destina preto de 150.000 euros

O goberno municipal de Ribeira actuará nunha das principais vías de acceso ao casco urbano mediante a mellora da rede de abastecemento de auga potable e renovación do pavimento da calzada da avenida de Ferrol nunha primeira fase que comprenderá o tramo entre o cruce coa estrada DP7309 e coa rúa Deán Pequeno.

Nesta primeira instalaranse 462 metros de tubaxe de fundición dúctil en substitución da rede existente de fibrocemento, solucionando así os problemas actuais de escaseza de presión e de cortes de auga por roturas da liña. Ademais, o firme da avenida atópase moi deteriorado debido á elevada intensidade de tráfico que soporta, motivo polo cal se estenderá unha nova capa de aglomerado en quente e, posteriormente, procederase coa sinalización horizontal da vía.

Establécese un prazo de duración dos traballos de 4 meses.
A intervención no resto da dita vía continuará en vindeiras fases para executar a renovación integral da mesma.

O orzamento da licitación é de 149.307,73 euros, IVE incluído, con cargo ás arcas municipais. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata as 23.59 horas do 3 de novembro a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).

Deja un comentario