Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño financiará con fondos FEDER o aglomerado da pista da depuradora de Cornide


A Xunta de Galicia acaba de comunicarlle ao Concello a concesión dunha subvención para o arranxo da pista que une a estrada de Pedroso coa de Ortigueira pasando ao carón da EDAR de Cornide. O importe das obras ascende a algo máis de 15.700 euros -ive non incluído- que se financiarán nun 80% con fondos europeos mentres que o 20% restante será asumido con recursos municipais. O proxecto técnico establece que a reparación se fará con aglomerado nun trazado próximo ao medio quilómetro de distancia que, na práctica, suporá finalizar a conexión con este tipo de firme da DP-7603 -a estrada de Silvalonga- coa AC-862.

De feito, o Concello xa aglomerara en 2014 tamén con fondos europeos tramitados pola Xunta un quilómetro xusto da pista que pasa por diante da capela da Portela. Un eixo viario que desemboca no cruzamento coa AC-112 -a estrada de Pedroso- e que uns metros máis adiante continúa pola marxe da depuradora e polo pontigo de Cornide sobre o río Xubia ata finalizar na estrada de Ortigueira, a AC-862.

Trátase dunha pista estreita que soporta un tráfico intenso, posto que é un atallo moi empregado por quen vén de Silvalonga, O Rupiallo e A Portela para ir en dirección a Neda ou para coller a AG-64 en Cornide. Á pista non se lle dará máis ancho, aínda que si se lle mellorará o firme cunha capa de aglomerado máis duradeira que o actual asfalto.

O custe total da obra está cifrado en 15.704,57 € -19.002,5€ co ive incluído- dos que a Xunta como xestora dos fondos europeos FEDER achegará 12.500 euros ou, o que é o mesmo, o 80% do importe total financiable. Pola súa banda o Concello asumirá a contía restante e deberá ter finalizadas as obras antes do 30 de setembro para a xustificación da subvención.