Rosana Pérez denuncia que as manobras de Política Social condenan ás 70.000 persoas dunha comarca con só 48 prazas públicas para maiores
Advirte que a día de hoxe non hai impedimento legal para construír en As Saíñas e pregunta por que a Xunta agocha, se existe, o informe de Augas
A deputada do BNG Rosana Pérez acusou o PP de facer unha “sabotaxe política” coa residencia de Ribeira e denunciou que a decisión “unilateral” e “partidista” de non construíla nas Saíñas, como esta previsto, supón “condenar” a unha comarca na que viven 70.000 persoas —15.000 delas con máis de 65 anos— onde a día de hoxe tan só existen 48 prazas públicas para persoas maiores.
“Volveron a un punto de partida que é peor ao de hai 13 anos porque agora non hai nada, nin parcela, nin proxecto, nin orzamento nin vergoña”, advertiu a deputada nacionalista durante unha pregunta en Comisión, na que asegurou ademais que “non existe ningunha medida legal que impida construír a residencia”, tal e como constatou o Goberno do Estado que, en resposta ao BNG nas Cortes, confirmou ademais que non deu instrución de paralizar ningún proxecto.
Aludindo a unha modificación da normativa estatal sobre zonas de risco de inundación que continúa sen existir, a Consellería de Política Social decidiu “unilateralmente” anular o proxecto para a construción da residencia na parcela das Saíñas co único obxectivo, denunciou a deputada da comarca, de “derrocar” o goberno municipal que presidía Luís Pérez Barral ata hai un ano, cando o PP decidiu presentar unha moción de censura.
Rosana Pérez lembrou ademais que, en cumprimento dun acordo unánime do Parlamento en maio de 2025 a iniciativa do BNG, técnicos do Concello corroboraron nun informe que “non se aprecia ningunha norma que prohiba a construción dunha residencia de maiores na parcela indicada (Saíñas)” e que “simplemente haberá de terse en consideracións as medidas de prevención e/ou condicións que considere precisas (…) Augas de Galiza”.
Un informe, o de Augas de Galiza, que o Goberno do PP mantén agochado, “se é que existe”, reprobou a deputada, que lamentou tras o debate en Comisión a negativa do xerente do Consorcio Galego de Benestar, Perfecto Rodríguez, a dar explicacións sobre esta cuestión, pola que o BNG xa preguntado a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento.
A decisión de Política Social de rexeitar a parcela das Saíñas supón ademais “desbotar” catro anos de traballos e “tirar o lixo” 800.000 euros de recursos públicos xa investidos, e tamén “décadas de reivindicacións e expectativas de preto dos 70.000 habitantes da comarca da Barbanza, que só contan desde 1986 cunha residencia pública de 48 prazas e dúas de xestión privada que non acadan as 150”.
Rosana Pérez cualificou de “falacia e demagoxia” os argumentos do Goberno de Rueda para non construír nas Saíñas e subliñou, neste punto, que o proxecto xa contemplaba “condicións estritas” de adaptación aos terreos, como a de situar o primeiro andar a sete metros de altura, o dobre do que ten agora unha das residencias privadas de Ribeiras. “Que van facer, demolela?”, preguntou.
Na súa intervención, a deputada nacionalista instou o director do Consorcio a aclarar os motivos reais para desbotar as Saíñas e elixir unha nova localización “controvertida” para un proxecto que non avanzou. Un ano despois da moción de censura, lamentou, a comarca segue sen residencia e o único que ten son “toneladas de promesas incumpridas do PP e da conselleira de Política Social”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.