O candidato socialista aposta por reforzar a colaboración entre o Concello, a Universidade, os centros de investigación e o tecido asociativo para aproveitar o talento e a capacidade investigadora de Santiago en beneficio das persoas
O Plan Especial do Terceiro Sector impulsará unha rede de cooperación e apoio ás entidades sociais para xerar sinerxías, compartir coñecemento e mellorar a resposta ás necesidades da cidadanía
”Quereremos un Concello que non viva de costas á innovación, que saiba colaborar, sumar capacidades e poñer os recursos ao servizo dos santiagueses”
O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, aposta por unha Compostela onde a ciencia se traduza en mellor calidade de vida para a veciñanza. Nunha visita á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Santiago, apelou a reforzar a colaboración entre o Concello, as entidades sociais, a Universidade e os centros de investigación para impulsar un ecosistema de innovación que aproveite o talento, o coñecemento e a capacidade científica da capital de Galicia en beneficio das persoas.
“Santiago ten un enorme potencial científico e universitario que debemos aproveitar moito máis. O coñecemento ten que traspasar as aulas e chegar á xente, contribuíndo a mellorar a súa saúde e ofrecendo respostas aos problemas reais da sociedade”, sinalou Pedro Blanco.
Neste obxectivo, o candidato socialista situou o Plan Especial do Terceiro Sector como unha ferramenta para fortalecer o tecido asociativo de Compostela e consolidar a súa colaboración co Concello de Santiago. A proposta contempla impulsar unha rede de apoio ás entidades sociais que favoreza a coordinación, o intercambio de experiencias e a creación de sinerxías entre organizacións que traballan directamente coas persoas. O plan busca avanzar cara un modelo no que as entidades sociais conten con máis apoio municipal, maior protagonismo e unha interlocución directa coa administración local, “para que o terceiro sector sexa o primeiro sector de Santiago”.
Durante a reunión, o candidato, xunto aos concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte, avaliou coa xunta directiva e cos traballadores da AECC as principais necesidades das persoas que sofren cancro e das súas familias en Compostela, así como os recursos e servizos que a entidade pon á súa disposición. Pedro Blanco puxo en valor o papel fundamental que desempeña a entidade na cidade, cunha atención integral que abrangue ámbitos como o apoio psicolóxico, o traballo social, os obradoiros terapéuticos, os programas de voluntariado ou o exercicio físico adaptado, entre outros.
“Queremos un Concello que non viva de costas á innovación, que saiba colaborar, sumar capacidades e poñer os recursos ao servizo dos santiagueses”, incidiu. Nesta liña, destacou a importancia de conectar ámbitos como o científico e o universitario coas necesidades das entidades sociais para dar unha mellor resposta ás demandas da cidade.
Ao mesmo tempo, reclamou á Xunta de Galicia que garanta os recursos e as políticas que lle corresponden en materia de sanidade pública, investigación e atención ás persoas con cancro. “A loita contra o cancro precisa ciencia, recursos públicos e acompañamento. Cada administración debe asumir as súas competencias e contribuír a que os avances e os servizos chegan a todos por igual”, subliñou.
Pedro Blanco aproveitou a visita para animar á cidadanía a participar e involucrarse na programación de actividades que desenvolve a AECC en Santiago durante todo o ano, como a Noite solidaria contra o cancro que terá lugar o vindeiro venres 23 de outubro.
Esta visita forma parte das #ConversasDeBarrio co que o candidato socialista está coñecendo de primeira man o traballo das entidades socias de Compostela, escoitando as demandas dos colectivos que representan para, unha vez estudadas as propostas, incorporalas ao proxecto de cidade para Santiago.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.