Wednesday 14 de October de 2026

O concello presenta “A Laracha Conecta”, un novo programa dirixido a impulsar o tecido económico local


Estrutúrase en tres eixes (sector primario, industrial e oficios, e turismo e deporte) e combina visitas do alumnado a empresas con encontros abertos ao público para compartir experiencias e xerar novas oportunidades de desenvolvemento.

O Concello presentou hoxe ‘A Laracha conecta’, un novo programa de promoción económica que busca reforzar o tecido empresarial local, favorecer a creación de emprego e impulsar a colaboración entre os distintos sectores produtivos, a Administración e a sociedade.
‘A Laracha conecta’ articúlase arredor de tres eixes: o sector primario coa agricultura e a gandería; a industria e os oficios; e o turismo e o deporte. O programa combina accións de achegamento ao mundo laboral, encontros entre os axentes económicos e xornadas abertas á cidadanía nas que se compartirán experiencias e iniciativas de éxito.

O alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e a axente de emprego e desenvolvemento local, Ana Carmen Jiménez, deron a coñecer os detalles desta iniciativa que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro e que constitúe unha aposta importante do Concello para poñer en valor o potencial económico do municipio.

O rexedor salientou a importancia de impulsar este tipo de proxectos para dar visibilidade ás fortalezas da Laracha, identificar oportunidades de crecemento e favorecer a xeración de actividade económica e emprego. O obxectivo é promover a creación de riqueza nos tres ámbitos de actuación e avanzar na consolidación da Laracha como “un concello para vivir, pero tamén para traballar, emprender e desenvolver novos proxectos empresariais”.

Visitas para achegar o alumnado á realidade empresarial

As primeiras actividades desenvolveranse durante este mes de outubro e consistirán en visitas a explotacións agrícolas e gandeiras (alumnado de Primaria) e a empresas industriais da Laracha (alumnado de ESO, Bacharelato e FP). Está prevista a participación de preto de 200 estudantes dos centros educativos do municipio, aos que se sumará alumnado de formación profesional doutros concellos.

A concelleira de Promoción Económica, Rocío López, agradeceu a colaboración e implicación dos centros educativos e destacou a importancia de que a mocidade coñeza de primeira man a realidade dos sectores produtivos e as posibilidades laborais existentes na súa contorna. A finalidade é que os participantes poidan coñecer directamente as actividades que desenvolven as empresas, descubrir as oportunidades profesionais que ofrecen e ter un primeiro contacto co mundo laboral.

No eixe de turismo e deporte, o Concello xa mantivo varias reunións con empresas e axentes locais vinculados a estes ámbitos. Estes contactos continuarán nas próximas semanas e culminarán nun foro de intercambio destinado a favorecer a colaboración, xerar sinerxías e promover novas ideas e iniciativas conxuntas.

Tres encontros abertos ao público en novembro

O programa completarase con tres xornadas abertas á cidadanía que se celebrarán en novembro e que permitirán compartir experiencias, coñecer proxectos de referencia e poñer en valor o potencial económico da Laracha nos tres eixes.

A axente de emprego e desenvolvemento local, Ana Carmen Jiménez, avanzou as datas previstas e os contidos de cada encontro:

O 13 de novembro será a centrada no sector primario e terá lugar en Paiosaco, o que tamén permitirá vinculala coa feira. A xornada contará coa participación de persoas novas que decidiron emprender ou desenvolver a súa actividade profesional na agricultura coa finalidade de compartir as súas experiencias e achegar exemplos de incorporación e evolución profesional neste ámbito. Tamén participará unha explotación gandeira larachesa.

A do 18 de novembro estará centrada na industria e nos oficios e realizarase na Casa da Cultura da Laracha. O encontro estará centrado en dar visibilidade á capacidade industrial do municipio, poñer en valor o traballo das empresas locais e favorecer a identificación de novas oportunidades de negocio e desenvolvemento empresarial.

Na semana do 23 de novembro, en data aínda por concretar, desenvolverase en Caión a xornada sobre turismo e deporte. Destacará o potencial da Laracha como destino turístico, deportivo e de ocio, dando a coñecer o traballo das empresas do sector, as iniciativas locais e os eventos que contribúen a dinamizar a economía e atraer visitantes.

Con esta iniciativa, o Concello pretende fortalecer as relacións entre os sectores produtivos, achegar a realidade empresarial á cidadanía, especialmente ás novas xeracións, e identificar novas vías de cooperación que contribúan ao desenvolvemento económico e á creación de emprego.

O programa ‘A Laracha Conecta’ conta co financiamento da Deputación da Coruña no marco das axudas provinciais destinadas á realización de actividades de promoción económica.

Deja un comentario