Wednesday 14 de October de 2026

A alcaldesa de Ribeira comprométese a valorar a renovación da rede de subministro na contorna da Carroucha


 Durante a reunión cun grupo de veciños tamén se avaliou a mellora da recollida de pluviais e rozas en fincas

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Ramón Doval, reuníronse na mañá de hoxe con preto dunha trintena de veciños e veciñas da contorna da rúa Carroucha e da Carqueixa para avaliar melloras a acometer na zona, principalmente, en materia de servizos básicos.

Nesta xuntanza, a rexedora comprometeuse a valorar a redacción e posterior execución dun proxecto de renovación da rede de subministro de auga para solucionar os cortes de auga que se producen pola rotura das canalizacións de fibrocemento existentes e, ademais, poder incrementar a presión de auga na contorna. A mandataria local indicou que, para tal fin, avaliarase a liña de financiación: contar coa axuda dalgunha outra Administración pública ou con cargo ás arcas municipais.

Outros dos asuntos que tamén se expuxeron por parte dos residentes foi a necesidade de mellorar a recollida de pluviais, posibles cambios de contedores do lixo e requirir a roza de fincas privadas. Sampedro manifestou que “a acción deste goberno municipal fundaméntase na escoita activa da cidadanía para mellorar a súa calidade de vida. Estando a pé de rúa con eles coñecemos mellor as necesidades de cada lugar e aquí é preciso actuar para a mellora do subministro de auga.”

Deja un comentario