• “Este accidente é unha desgracia que non colle a ningúen por sorpresa”, sinala o concelleiro non adscrito.
• Insiste na necesidade de liberar o tráfico na rúa de entrada e saída dos escolares de La Salle.
Gonzalo Muíños lamentou o accidente na rúa Valle-Inclán entre un vehículo estranxeiro e un escolar de La Salle. O concelleiro Non Adscrito instou ao goberno local a retomar o dobre sentido da circulación en Rodas, “un cambio no tráfico que nunca se debeu producir e do que advertimos que ía traer problemas”, sinalou.
En agosto deste ano, o edil xa advertira dos riscos do cambio de circulación viaria que o goberno local rediseñou para facer de sentido único a rúa de Rodas, obrigando aos vehículos a subir pola rúa Valle-Inclán. Muíños alertaba dos colapsos e das retencións de tráfico que provocaría a “improvisación e a falta de planificación do executivo”, así como a inseguridade que implicaría para os escolares de La Salle e da Escola Infantil A Galiña Azul.
O atropelo dun condutor, presuntamente neerlandés a un neno do colexio da zona “é unha desgracia que non colle a ninguén por sorpresa e a mostra de que nunca houbo unha verdadeira vontade por facer as cousas ben e mellorar o tránsito do lugar”, manifestou Muíños. O concelleiro tamén recordou que este accidente “non foi por falta de avisar nin de numerar os múltiples riscos que o novo sentido da circulación poderían conlevar”.
Segundo explicou o edil, varios familiares de alumnado de La Salle lle transmitiron as súas inseguridades e a súa insatisfacción con esta medida viaria. “As familias diríxenme moitas veces as súas preocupacións, aínda esta mañá me escribía un avó para contarme as deficiencias que este novo modelo está supoñendo”, sinalou.
O concelleiro agarda que este “desafortunado accidente” sirva para que o goberno local comece a escoitar ás veciñas e veciños e “actúe en consecuencia”. Neste sentido, transmitiulle o seu apoio e ánimo á familia do neno accidentado, a quen lle desexou “unha pronta e boa recuperación”.
Liberar Valle-Inclán de tráfico
Muíños recalcou que este atropelo se debeu á sobrecarga que agora sufre a rúa Valle-Inclán e esixiu que se volvera á circulación inicial antes das obras do paso elevado en Rodas. “Entendemos que en verán servira como medida alternativa para o correcto desenvolvemento das actuacións, pero non podemos comprender como pode parecer boa idea convertela nunha medida fixa”, cuestionou Muíños.
A zona de San Roque é unhas das que conta con máis tráfico de autobuses urbanos, coches, peóns de todas as idades e turistas. “Neste lugar concéntranse moitos puntos de interese: o Museo do Pobo Galego, o colexio La Salle e a Escola Infantil A Galiña Azul, ao que hai que sumarlle o parking”, numerou o edil, quen recordou que a excepción da gardaría, todo se concentra na rúa Valle-Inclán, onde non hai espazo para que os pais e nais poidan parar a recoller ás crianzas e “cando paran, porque non teñen outra alternativa, a rúa convértese nun lugar intransitable”, apuntou Muíños.
O concelleiro, quen xa en verán incidiu en que o goberno local mantivese o dobre sentido de circulación en Rodas, volveu a instar ao executivo para que rectifique e devolva o paso ascendente pola rúa. “Desta maneira, Valle-Inclán quedará máis liberada, garantindo a seguridade do alumnado e do resto de peóns”, sentenciou Muíños.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.