Dende a asemblea veciñal de Nós Pobra comparecemos hoxe ante os medios de comunicación, a opinión pública e o conxunto da veciñanza para trasladar a nosa postura oficial tras a decisión comunicada por José Carlos Vidal Suárez de abandonar a disciplina da nosa organización política para presentarse como candidato a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais baixo as siglas do PSOE.
1. Respecto absoluto pola decisión persoal
Como non pode ser doutro xeito nunha organización democrática como a nosa, dende Nós Pobra queremos expresar o noso máximo respecto pola decisión persoal tomada por José Carlos Vidal de abandonar a militancia da nosa formación. Entendemos e asumimos que no ámbito privado e individual cada quen é libre de tomar as decisións e seguir os camiños políticos que considere máis oportunos. Non entramos nin entraremos en valoracións do ámbito persoal, pero é necesario separar con total claridade a esfera privada do compromiso político e institucional asumido co pobo.
Dende a asemblea entendemos que a marcha de José Carlos Vidal da nosa formación vén motivada pola súa procura doutra organización onde a democracia e a participación interna non sexa unha prioridade. Nós Pobra elixe á súa candidatura por votación directa na que todas as persoas que formamos parte da asemblea somos elixibles, como ben sabe o actual alcalde.
Non existe a proclamación de candidaturas de ningún tipo, nin sequera ninguén pode postularse como posible candidato ou candidata. Non tiña a garantía de ser elixido para encabezar a nosa lista electoral, como nunca a tivo ninguén. Marcha a un partido político que si permite ese tipo de manobras non amparadas na decisión colectiva.
Non existiu cambio de rumbo na nosa asemblea, que mantén os seus principios e obxectivos fundacionais, e foi así como pretendeu sempre manter o mecanismo democrático na toma de decisións. As discrepancias entre o alcalde e a asemblea son as normais e lexítimas nunha organización asemblearia, e non deberían significar a marcha de ninguén.
2. Orixe e contexto da súa chegada á Alcaldía
Para entender a situación actual, cómpre lembrar á cidadanía o proceso polo cal José Carlos Vidal é hoxe rexedor da vila. Nas últimas eleccións municipais, el non encabezaba a candidatura de Nós Pobra, senón que ocupaba o terceiro lugar na lista electoral. O seu acceso á Alcaldía produciuse unicamente tras o xesto de enorme xenerosidade e responsabilidade política do noso número 1 e da nosa número 2. Ambos deron un paso ao lado e renunciaron á Alcaldía, tal é como a nosa asemblea lles solicitou. O pacto de goberno só era posible nesas condicións. José Carlos Vidal chegou, polo tanto, ao máximo cargo institucional de forma accidental e grazas ao altruísmo e á disciplina colectiva dun partido que antepuxo os intereses do municipio a calquera outro tipo de motivación ou aspiración.
3. A Alcaldía corresponde lexitimamente á organización de Nós Pobra
É un feito indiscutible que Nós Pobra foi a candidatura de esquerdas máis votada nas últimas eleccións municipais no noso concello. A veciñanza outorgounos ese liderado e, en base a ese resultado, asinouse un pacto de goberno transparente coas demais forzas da corporación no que se estableceu explicitamente que a Alcaldía lle corresponde á nosa organización por ser a lista máis votada de entre todas as que conforman o goberno actual. Esta lexitimidade non é un título individual nin un cheque en branco a nome de ningunha persoa; é o froito do traballo colectivo e do apoio directo das centos de persoas que votaron a nosa papeleta. Pretender ostentar a Alcaldía á marxe do partido que acadou eses resultados supón unha apropiación indebida da vontade democrática do pobo da Pobra do Caramiñal.
4. Solicitude de entrega da acta e renuncia á Alcaldía
Por respecto á calidade democrática, á ética política e á coherencia máis elemental, solicitámoslle formalmente a José Carlos Vidal Suárez a entrega inmediata da súa acta de concelleiro e a súa renuncia ao cargo de alcalde. A súa marcha desvirtúa por completo o goberno municipal. Non se trata dunha simple redución numérica de edís; o que se está a perder de xeito ilexítimo é a propia Alcaldía de Nós Pobra, alterando a maioría e o equilibrio de forzas que a veciñanza elixiu para rexer o Concello. Desposuír á nosa formación do liderado do goberno significa non respectar a vontade da cidadanía. A lexitimidade democrática duns comicios municipais baséase en programas e siglas, non en proxectos persoais, polo que o único camiño ético e responsable é a devolución da acta para permitir a entrada da seguinte persoa na lista de Nós Pobra.
5. O noso compromiso inquebrantable cos votantes e coa veciñanza
En Nós Pobra debémonos única e exclusivamente ás veciñas e veciños que depositaron a súa confianza na nosa asemblea nas urnas. A cidadanía da Pobra non votou a un nome propio nin a unha persoa de xeito illado; votou un programa electoral transformador, un modelo de concello social, aberto e sustentable, votou a un partido que representa uns valores e ideas moi claros e recoñecibles. O noso compromiso co pobo permanece intacto, e imos defender a súa vontade e o programa no que confiaron. A folla de ruta coa que nos presentamos ás eleccións segue inalterable e así seguirá ata o último día do presente mandato, por riba de calquera vicisitude ou interese individual.
6. Diálogo e xuntanzas inmediatas cos socios de goberno
Ante este novo escenario político, dende Nós Pobra xa estamos a activar unha rolda de contactos e xuntanzas cos demais partidos políticos que compoñen a coalición de goberno municipal. A nosa prioridade absoluta é actuar con máxima responsabilidade institucional e garantir a estabilidade do Concello da Pobra do Caramiñal. Imos traballar con man firme e diálogo aberto cos nosos socios para avaliar a situación, garantir o correcto funcionamento do concello, a continuidade dos proxectos pendentes e esixir o cumprimento estrito e rigoroso dos acordos de goberno asinados ao comezo da lexislatura.
7. Unha asemblea plural, unida e forte máis alá dos personalismos
Queremos mandar unha mensaxe de tranquilidade e rotundidade a toda a veciñanza: Nós Pobra é unha asemblea plural, aberta, viva e profundamente democrática que está moi por riba de calquera personalismo ou aspiración individual. A historia e o valor da nosa organización nunca dependeron nin dependerán duns nomes concretos, senón do traballo colectivo da militancia e da confianza do pobo. Hoxe, lonxe de debilitarnos, estamos máis fortes, unidas e cohesionadas ca nunca, e imos seguir traballando incansablemente, con máis enerxía e ilusión se cabe, polo presente e polo futuro da Pobra do Caramiñal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.