Sampedro e Mariño de Bricio valoran “moi positivamente” o resultado da coalición cun goberno “unido, sólido e centrado na xestión”
Tamén coinciden que o actual executivo representa á maioría da cidadanía segundo as urnas
A primeira edil insiste en que a máxima do goberno debe ser a das solucións fronte á confrontación
Pasou xa un ano dende que a voceira do PP, María Sampedro, asumise a Alcaldía de Ribeira co apoio de tres concelleiros do PBBI capitaneados por Vicente Mariño de Bricio. A rexedora valora “moi positivamente” os logros acadados neste 365 días á fronte dun goberno municipal “unido, sólido, dialogante e de xestión que traballa no presente e futuro de Ribeira co foco nas persoas para as súas políticas municipais.”
Un executivo local que, para Sampedro, “goberna para todos, sen excepción, e no que si está representada a inmensa maioría dos ribeirenses; unha inmensa maioría que foi elixida nas urnas, cun resultado de 13 concelleiros dos 21 que conforman a Corporación municipal.”
Sampedro amósase crítica co “rencor” do BNG por “perder unha Alcaldía que se crían propia con tan só 5 concelleiros. A algúns que presumen do termo demócrata, parece que se lles olvidan as regras da democracia. Ribeira non pode seguir anclada no pasado. Ribeira non pode seguir dividida como estaba entre aqueles que repartían os carnés de bos e os carnés de malos. Queremos unha Ribeira sen crispación”, declara a actual mandataria local, quen se refire ao anterior goberno como “o da parálise.”
En contraposición, manifesta que o actual executivo está centrado no presente e futuro de Ribeira no que xa se aprobaron dous orzamentos municipais en apenas 7 meses (o último por máis de 34 millóns de euros); se xestionan fondos propios e outros procedentes doutras administracións; e mantense diálogo con tódalas institucións, independentemente do partido, pois “son a alcaldesa de tódolos ribeirenses, dos que votaron ao meu partido e tamén dos que non”, destacou.
Goberno centrado no presente e futuro
A alcaldesa salientou como algúns dos logros os avances coa consecución da futura residencia de maiores, “porque si, Ribeira vai ter residencia de maiores.” De feito, no Pleno ordinario de setembro aprobouse a incorporación da parcela de San Roque ao inventario para albergar dita infraestrutura e a mutación demanial subxectiva desa finca, é dicir, cambar de titularidade municipal a autonómica, sen modificar a natureza do ben que é de servizo público.
Tamén enxalzou os pasos para a materialización do novo polígono industrial, “para que pase do papel ao terreo.” No mes de setembro comezaron os estudos xeolóxicos e xeotécnicos in situ para avanzar no proxecto de urbanización. Actualizaranse, entre outros aspectos, as medicións, as solucións construtivas e as redes de servizo.
No que respecta ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) pasouse dunha execución do 30% ao 100% e, así mesmo, impulsáronse iniciativas que estaban “gardadas no caixón” como o carril bici que discorre por Palmeira.
Tendo en conta que o curso escolar iniciouse hai pouco máis dun mes, a rexedora puxo en valor que se duplicase o investimento para as melloras nos centros educativos, ademais da rehabilitación do colexio O Grupo que se acometerá en vindeiras datas.
Outras iniciativas que quixo resaltar son o remate da rehabilitación da fachada do paseo das Carolinas, a renovación do parque de Coroso, a construción dun novo parque canino en Cubeliños ou o novo parque infantil que se erixirá na praza do Centenario por máis de 160.000 euros.
Así mesmo, polo de agora aplicáronse máis de 400.000 euros a melloras en instalacións deportivas, púxose en marcha o renting para a maquinaria da Fieiteira e neste mes recepcionarase o Centro de Deportes Náuticos.
Non quixo esquecer tampouco a atención a servizos básicos con medio millón de euros para pavimentacións; a incorporación nos orzamentos de 60.000 euros para puntos de luz; ou o coidado ao patrimonio local.
Ademais, Sampedro indicou que se seguirá traballando para a revitalización de Bandourrío a través da PAI-EDIL despois de que o actual goberno comprase a antiga fábrica de Cerqueira (eixo vertebrador da iniciativa) e se acadase cofinanciación para a execución deste proxecto por importe de preto de 11 millóns de euros. E outros proxectos nos que se están centrando esforzos son a nova biblioteca municipal (reformulándoo coa previsión de sacar a licitación a principios de 2027) e a posta en marcha da mellora da curva da Muiñeira.
“Todo isto demostra que somos un goberno de solucións, non de confrontacións. Quedan atrás os tempos da división e dunha minoría que buscaba a crispación e que lonxe de buscar a dignidade, rompérona”, en palabras da primeira edil.
Boa sintonía
Con todo o exposto coincidiu o seu compañeiro de equipo, o voceiro do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, para quen “foi un gran ano para Ribeira e todo isto corrobora que a decisión adoptada foi a correcta para os veciños e veciñas. Este é un equipo no que existe diálogo, colaboración e confianza.”
A todo isto engadiu os 1’6 millóns de euros destinados á adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, para o cal tamén se solicitou a ampliación das horas de atención. E sinalou tamén o acordo acadado para destinar a antiga lonxa para uso dos redeiros.
Rematou a súa intervención apuntando que “co señor Pérez Barral, Ribeira non tería nunca, por exemplo, un polígono industrial, pois el apostaba por aquel macropolígono comarcal que se perdería no tempo. Pretendía disfrazar a súa parálise facendo crer aos veciños que a culpa era da Xunta. Quedou demostrado neste tempo que o señor Pérez Barral non está preparado nin ten equipo para levar un concello como o de Ribeira.”


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.