Wednesday 14 de October de 2026

A Xunta Electoral obriga ao Concello de Cabanas a retirar a publicidade institucional das súas redes e pantallas municipais


A Xunta Electoral de Zona de Ferrol estima por unanimidade a denuncia do BNG e declara que as comunicacións municipais vulneraron o artigo 50.2 da LOREG

Iago Varela esixe ao goberno municipal o cumprimento inmediato da resolución e lembra que “a neutralidade das institucións e dos recursos públicos é un principio democrático irrenunciábel”

A Xunta Electoral de Zona (JEZ) de Ferrol acordou esta mañá por unanimidade estimar a denuncia interposta polo BNG de Cabanas contra o Concello de Cabanas e o seu alcalde, Fernando Couce, ao declarar que as publicacións e actuacións institucionais realizadas nos últimos días vulneran o artigo 50.2 da Ley Orgánica del Régimen Electoral General (LOREG).

A resolución do órgano electoral constata que se empregaron medios públicos municipais para emitir contidos referidos a realizacións e logros de xestión durante o período electoral das eleccións xerais. En concreto, a JEZ de Ferrol requiriu ao Concello e ao rexedor a retirada inmediata das publicacións denunciadas de todas as canles e redes sociais oficiais, así como o cesamento e retirada da difusión deses contidos promocionais nas pantallas informativas situadas na vía pública.

O portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, destacou que “a neutralidade das institucións públicas non é unha opción, senón un deber legal e un principio democrático básico que todos os gobernos deben respectar”. Neste sentido, Varela sinalou que “as canles oficiais de comunicación, as listas de difusión municipais e os soportes informativos da rúa deben estar exclusivamente ao servizo da información veciñal e non da promoción da xestión do goberno en período electoral”.

Dende a formación nacionalista lembran que a lexislación electoral prohibe expresamente calquera acto ou comunicación financiada con fondos públicos que poña o foco en logros ou actuacións da administración durante o período de representación electoral.

“Desde o BNG esiximos ao goberno municipal o cumprimento íntegro e inmediato do requirimento da Xunta Electoral e instamos ao alcalde a actuar coa máxima responsabilidade e respecto á neutralidade institucional que corresponde a un goberno democrático”, concluíu Iago Varela.

Deja un comentario