O documento foi aprobado polo Goberno Local despois dun proceso participativo e ten como obxectivo marcar as accións necesarias para a adecuada conservación e restauración do conxunto do Parque da Alameda, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e asegurar o equilibrio entre os diferentes usos.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago aprobou na sesión ordinaria deste martes 13 de outubro o Plan Director do Parque e Alameda de Santa Susana, que determina as liñas xerais de intervención nesta zona que serán despois desenvolvidas en proxectos específicos co obxectivo de acadar o equilibrio entre o valor ambiental, patrimonial e social.
O documento está asinado polo arquitecto Albert Cuchí Burgos e por Juan Requejo Liberal, xeógrafo, economista e coordinador do equipo. Este plan, que xa fora presentado polo concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, foi elaborado mediante un proceso participativo no que se tiveron en conta 264 enquisas cidadás feitas na Alameda, 16 entrevistas en profundidade, e a participación dun grupo focal de asociacións e centros educativos, un obradoiro con mocidade e un obradoiro final de contraste, así como de expertos.
Protexer as árbores
Para protexer a Alameda, o documento establece os proxectos que poidan ameazar os valores naturais, culturais, científicos, didácticos ou doutra orde ás arbores incluídas no Catálogo necesitarán autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Así mesmo, os proxectos que desenvolva este Plan deberán ter o suficiente grao de concreción que permita avaliar a idoneidade das actuacións propostas para a protección, restauración e mellora dos valores das árbores que motivaron a súa inclusión no Catálogo.
As intervencións que no futuro se promovan sobre os elementos do patrimonio artístico ou que posúen valor e interese histórico artístico deberá prever que os proxectos de intervención sobre os mesmos deben completar a fase de análise previo, determinación dos efectos e axentes do deterioro e a caracterización dos materiais, as patoloxías e as pátinas e tratamentos históricos de interese.
Para a execución das actuacións arqueolóxicas previstas no Plan Director, ou calquera outra actuación arqueolóxica que poida ser necesaria, o promotor deberá presentar, con carácter previo ao inicio das obras, o correspondente proxecto para a súa autorización pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
O conxunto do Parque da Alameda está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e está composto por catro pezas: Alameda do Campo da Estrela, Paseo da Ferradura, Carballeira de Santa Susana e a explanada de San Clemente, sendo un dos espazos máis singulares da cidade polo seu valor ambiental, patrimonial e social.
A Xunta de Goberno aprobou ademais outros asuntos, entre eles, a resolución pola que a Concellería de Deportes concede axudas por uns 330.000 euros a 57 entidades deportivas compostelás.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.