Wednesday 14 de October de 2026

Barral: “prometeron desbloquear Ribeira pero a veciñanza di que foi un ano perdido”


O exalcalde e portavoz do BNG denuncia que, fronte ás promesas de desbloqueo e mellora da xestión, a realidade é a parálise, as decisións contrarias ás demandas veciñais e unha xestión nefasta en asuntos como a residencia de maiores e ou a gasolineira de Xarás.

Un ano perdido para Ribeira e a súa veciñanza
Ribeira, outubro de 2026. Cúmprese un ano da moción de censura que apartou a Luís Pérez Barral da Alcaldía e situou a María Sampedro, do Partido Popular, á fronte do Concello. Doce meses despois, o portavoz do BNG considera que este foi un ano perdido para Ribeira e para os seus veciños e veciñas.

A día de hoxe non desvelaron o acordo da moción de censura, xa que só serviu para satisfacer os intereses particulares e partidistas do PP e PBBI. “Prometeron que a moción de censura serviría para desbloquear proxectos, mellorar a xestión e facer avanzar Ribeira pero, un ano despois, o que vemos é falta de iniciativa, xestión nefasta e decisións que se toman de costas á veciñanza. A pregunta é sinxela: que mellorou realmente na vida dos veciños e das veciñas durante este tempo?», cuestiona Luís Pérez Barral.

A residencia de maiores e a gasolineira de Xarás: exemplos dunha xestión neglixente
Para o BNG, a residencia pública de maiores é o exemplo máis claro desta falta de avances. Despois de máis de 800.000 euros de investimento público nas Saíñas, ninguén entende que o goberno de María Sampedro pretende abandonar ese proxecto e trasladalo ao monte de San Roque, illando ás persoas maiores e provocando un atraso na materialización desta infraestrutura clave.

“As persoas maiores merecen coidados, unha contorna accesible e ben conectada, non quedar afastadas da vida da vila e das súas familias no monte por iso non imos consentir que se tiren 800.000€ ao lixo sen esgotar as posibilidades de sacar adiante o proxecto das Saíñas», afirma Luís Pérez Barral.

O portavoz do BNG considera igualmente preocupante a xestión do asunto da gasolineira de Xarás, que pode ter consecuencias económicas moi importantes para as arcas municipais. “Estamos falando dun problema xerado polo PP ao agochar informes negativos e conceder dúas licenzas ilegais polas que o Concello podería perder até 4 millóns de euros”. Segundo informou Pérez Barral, a nefasta xestión realizada polos populares pon en risco a estabilidade económica do Concello de Ribeira xa que a día de hoxe mantense unha débeda creada polo Partido Popular de 13 millóns de euros que proveñen na súa meirande parte de obras con sobrecustos, o que nos tememos, provoque, unha suba de impostos e taxas que pagará a veciñanza.

Dende o BNG subliñan que a acción de goberno de Luís Pérez Barral permitiu investir 5,5 millóns de euros nas parroquias para ampliar saneamento, abastecemento e pavimentacións, deixando ademais outros 1,5 millóns listos para novas actuacións este ano. En total, máis de 7 millóns de euros destinados a reforzar servizos e infraestruturas no rural de Ribeira. Tamén destacan a evolución económica municipal: “a xestión do PP fixo que Ribeira teña unha débeda de 13 millóns de euros mentres que o BNG deixa 6,5 millóns para proxectos de futuro, iso é exemplo de xestión responsable e eficaz”.

Dun alcalde a pé de rúa a un goberno atrincheirado no despacho
Outra das diferenzas que destaca o portavoz nacionalista é a maneira de entender a política municipal. Luís Pérez Barral reivindicou unha Alcaldía próxima percorrendo as parroquias e escoitando as demandas veciñais. “Nós estivemos a pé de rúa, escoitando os problemas da xente e traballando para buscar solucións. Non imos ás parroquias só cando hai eleccións, como fai o Partido Popular”, sinala.

Fronte a esa maneira de gobernar, Pérez Barral considera que María Sampedro está atrincheirada no despacho e non está a dar resposta ás demandas da veciñanza. “Vemos un PP máis preocupado por sacarse fotos ca por traballar con rigor”. O exalcalde insiste en que a diferenza tamén está nas prioridades políticas. “Cando a xente reclama solucións, espera que o Concello estea ao seu lado e o que vén é como María Sampedro leva un ano antepoñendo os intereses do Partido Popular aos dereitos da veciñanza, mesmo en cuestións tan importantes como o acceso a unha sanidade pública de calidade”.

Máis ganas que nunca para unha Ribeira mellor
Fronte a esta situación, Luís Pérez Barral asegura que o BNG continuará exercendo unha oposición firme, construtiva e responsable, fiscalizando a acción do goberno e presentando alternativas para mellorar a vida da veciñanza. “Temos o mellor equipo e estamos construíndo esa Ribeira en grande que todos e todas queremos”.

Luís Pérez Barral conclúe cunha mensaxe de ilusión e confianza no futuro, destacando que, malia a moción de censura, o BNG afronta esta nova etapa con máis forza e apoio social. “Perder a Alcaldía non nos fixo perder as ganas de traballar por Ribeira, ao contrario, seguimos percorrendo as parroquias, estamos ao lado da veciñanza e temos un proxecto para unha Ribeira mellor”.

O exalcalde salienta que durante este último ano o BNG experimentou un forte incremento da súa militancia, coa incorporación de novas persoas que queren sumar ao proxecto e contribuír a construír unha Ribeira mellor. “Estamos recibindo moitas mostras de apoio, palabras de ánimo e valoracións moi positivas que nos dan forza, cariño e ilusión para seguir adiante e afrontar con ganas o reto de gañar as eleccións municipais de 2027″.

Pérez Barral considera que este apoio amosa que hai unha maioría social que quere unha forma diferente de gobernar: próxima, dialogante e centrada nas persoas. “A xente anímanos a seguir así de ilusionados e a continuar defendendo Ribeira como fixemos ata agora. Imos dar o mellor de nós para acadar ese resultado”.

“Nós xa demostramos o que Ribeira pode facer cando cre en si mesma e entra aire fresco. Agora, tócavos tamén a vós. Ao longo destes meses que quedan por diante, pídovos algo fundamental: axudádenos a erguer unha marea da dignidade para que en 2027 a honestidade volva gobernar en Ribeira” conclúe Pérez Barral.

Deja un comentario