Explica que a Comunidade reúne as condicións idóneas para a práctica desta actividade nos seus 1.659 km de costa e 16 rías
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou o turismo náutico como un dos grandes atractivos da Comunidade galega, con 1.659 km de costa e 16 rías que asentan as condicións idóneas para a súa práctica e para o posicionamento de Galicia como destino náutico internacional. A directora fixo estas declaracións durante a presentación do Cruceiro Costeiro Nea “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”, que se pon hoxe en marcha. No acto tamén participou o Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.
Nava Castro afirmou que esta iniciativa era unha materia pendente que existía coas rías galegas e que contribuirá a diferenciar Galicia como destino, desestacionalizar a demanda e captar novos fluxos turísticos que redunden positivamente nas economías locais. Así mesmo, a directora describiu a iniciativa como unha gran oportunidade para Galicia de cara a ser referencia europea en cruceiros costeiros de escalas en terra.
A directora explicou que a ruta “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”, que comeza hoxe a funcionar, súmase á de “Tesouros das Rías de Galicia” para coñecer a fondo as Rías Baixas a través de paquetes organizados.
O novo itinerario amosará un dos grandes atractivos turísticos que ofrece Galicia, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, e tamén a tradición, cultura e paisaxe das vilas mariñeiras galegas. O cruceiro sae dende Sanxenxo para visitar Pontevedra, a Illa de Ons, Bueu, Combarro, A Toxa, Cambados, Ribeira, Vilanova de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Vigo, as Illas Cíes, Baiona, Rande e San Simón.
Nava Castro dixo que este servizo supón unha oferta innovadora e inédita que permite vivir as rías galegas durante sete meses ao ano, aproveitando os barcos de transporte turístico e as empresas de chárter náutico. Ademais, a directora resaltou que, ao ser cruceiros de 3 ou 6 días, implican o aloxamento en hoteis da zona e demanda de outros servizos turísticos como a gastronomía ou a enoloxía.