Monday 12 de October de 2026

Gonzalo Muíños alerta da falta de convenio para a construción dun parque comarcal de bombeiros en Santiago


• Critica a ausencia de prazos por parte do Concello de Santiago dun pacto entre a Xunta de Galicia e a Deputación da Provincia da Coruña.

• Tamén destaca que ao remate das obras das novas oficinas en San Caetano, os bombeiros da capital galega quedarán sen espazo de traballo.

O concelleiro Non Adscrito Gonzalo Muíños criticou a falta de actuación do goberno local en relación ao parque comarcal de bombeiros. Segundo indicou, o executivo leva un ano analizando e estudando un borrador de convenio de co-financiamento entre a Xunta de Galicia e Deputación da Coruña. Denunciou, ademais, a ausencia dun plan de recolocación para cando rematen as novas oficinas en San Caetano e os bombeiros sexan desaloxados do espazo que agora ocupan na Avenida de Lugo.
Muíños sinalou que xa leva varios anos advertindo á alcaldesa Goretti Sanmartín, de que a situación dos bombeiros e Policía Local do concello “é insostible”. “Falta persoal e, no caso dos bombeiros, seguimos á espera de que se decida que facer co parque comarcal”, recordou. Poñendo especial atención no prexuízo que a ausencia de efectivos pode ocasionar para a seguridade das veciñas e veciños.
“Non só se trata dunha neglixencia na xestión técnica, senón tamén na seguridade da cidadanía”, apuntou o edil. Actualmente, a pesar de que xa se comezou a tramitar a adxudicación das prazas que Raxoi contemplou nos orzamentos de 2026, o Concello de Santiago non conta co persoal suficiente. Segundo estimacións dos sindicatos, o persoal mínimo de efectivos debería estar en 85 traballadores.
A semana pasada coñecíase que as administracións están a favor de asinar o texto para dotar dun parque de bombeiros a Santiago de Compostela que faga servizo ao Concello de Ames, Teo, Brión, Boqueixón, Vedra e Val do Dubra. “Incluso cando todas parecen favorables ao texto, o goberno local sigue, despois dun ano, estudando o borrador do convenio”, apuntou Muíños, quen non comprende “como logo dun ano, aínda non está o suficientemente analizado o acordo”.
O concelleiro Non Adscrito tamén manifestou unha postura moi crítica cos avances “inexistentes” sobre o novo edificio dos bombeiros na Avenida do Cruceiro da Coruña, nunha parcela da Pulleira. “Unha localización que se cambiou en xullo de 2024, a pesar de que hai 20 anos se comezou a construír un edificio en Salgueiriños para este fin”, lembrou. Unha infraestrutura que o goberno local destinará para a xuventude, pero do que nada se sabe ao respecto, segundo mencionou Muíños.
A ausencia dun parque comarcal de bombeiros e o, cada vez máis próximo, remate das novas oficinas da Xunta de Galicia na Avenida de Lugo, “levan a preguntarse onde recolocará a señora Sanmartín ao persoal”, plantexou o edil. “Non hai alternativa, polo menos que se coñeza, para cando os bombeiros teñan que marchar da Avenida de Lugo, porque o terán que facer”, continuou.
Ao non haber un parque comarcal de bombeiros en Santiago, de acontecer un incidente precisaríase chamar a efectivos doutros municipios como Ames. Un proceder que Muíños cualifica como vergonzosa ao “contar Santiago con maquinaria e profesionais á altura para socorrer unha emerxencia”. “No anterior mandato, conseguimos que unha ampla maioría dos bombeiros estivera dacordo co parque, desde o cambio de goberno, este asunto está paralizado”, incidiu o concelleiro, quen recalcou a importancia de que “as tres administracións: autonómica, provincial e local, se reúnan e non se levanten da mesa ata ter un acordo asinado”.

Deja un comentario