Monday 12 de October de 2026

O BNG alerta do paralelismo na xestión das horas extras da Policía Local nos concellos de Cambre e Culleredo


– Esta semana coñeceuse o dictame do Tribunal de Contas sobre as horas extras á Policía Local en Cambre, declarando responsábeis contables a varios cargos políticos e obrigándoos a depositar unha fianza.

– O BNG advertíu en diversas ocasións que se estaban a ignorar as advertencias da Intervención municipal referidas ao pagamento de gratificacións semellantes no Concello de Culleredo.

– José Ramón Rioboo levantou os reparos da Intervención municipal a eses pagamentos en base a informes elaborados pola concelleira Marta Figueroa.

– O Xefe de Servizo de Economía e Facenda ten advertido, no caso doutros funcionarios, da imposibilidade de verificar a realización de horas extras, xa que non se podía verificar que realizaran a súa xornada ordinaria.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de solicitar ao Concello de Culleredo o acceso aos informes relativos ao pagamento das horas extras realizadas polo persoal da Policía Local, á vista das noticias referidas ao Concello de Cambre polo mesmo motivo.

O Alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, levantou diversos reparos da Intervención municipal ao pagamento de horas extra en base a informes elaborados por unha concelleira do seu grupo de goberno, Marta Figueroa, concelleira delegada de Cohesión Social, Recursos Humanos e Réxime Interior.

Esta concelleira, que non é funcionaria municipal, asinou informes de discrepancia coa Intervención municipal co obxectivo de levantar os reparos que a habilitada puxo a eses pagamentos.

O BNG manifestou en reiteradas ocasións que este procedemento se aparta do establecido na normativa vixente, xa que estes informes deben ser elaborados por un funcionario público, non por un cargo político. Mesmo se tivo acceso a un informe do xefe de servizo de Economía e Facenda, referido ao pagamento de horas extras a outros funcionarios municipais, no que se indicaba que non se podía confirmar que fixeran horas extras xa que nen sequer se podía verificar que fixeran a súa xornada ordinaria.

Tono Chouciño, voceiro nacionalista, indica que “estamos a falar de centos de miles de euros que non sabemos se están xustificados ou se estamos perante un caso similar ao de Cambre, e procede depurar responsabilidades políticas, administrativas e/ou penais”.

Deja un comentario