• O concelleiro Non Adscrito reclama culminar o expediente para que TUSSA asuma a xestión directa dos dous equipamentos e denuncia atrasos na tramitación.
• Muíños lembra que a concesión da Praza de Galicia venceu en xullo do 2025 e pregunta cando se levará a pleno a aprobación definitiva da xestión pública.
O concelleiro Non Adscrito Gonzalo Muíños reclama ao goberno municipal que concrete os prazos para culminar o expediente de recuperación da xestión directa dos aparcadoiros subterráneos da Praza de Galicia e da Praza de Vigo a través da empresa pública TUSSA. Muíños, que xa trasladara esta cuestión ao Pleno no mes de setembro, que pide saber cando prevé o executivo municipal rematar a tramitación e elevar o expediente para a súa aprobación.
A recuperación da xestión pública destes dous aparcadoiros é unha demanda que Muíños repetiu de maneira continuada durante todoo mandato e que, segundo lembra, “tamén foi trasladada como prioridade nas negociacións orzamentarias”. O concelleiro considera que a municipalización permitiría “recuperar o control público dos equipamentos, abaratar tarifas, facilitar o estacionamento de rotación e ofrecer solucións ás persoas residentes na Cidade Histórica e ao comercio do Ensanche”.
Unha concesión vencida e outra que se achega ao seu termo
Muíños critica os atrasos na tramitación e lembra que a concesión do aparcadoiro da Praza de Galicia venceu en xullo de 2025 sen que o Concello iniciase o proceso de licitación, o que obrigou a recorrer a unha orde de continuidade para manter o servizo.
Malia estar xa no último mandato, o goberno local continúa sen culminar os estudos necesarios nin elevar ao Pleno o expediente definitivo para asumir a xestión directa. A esta demora súmase a proximidade do vencemento da concesión da Praza de Vigo, previsto este mes de outubro.
O concelleiro considera que a municipalización destes equipamentos debe traducirse “nun calendario concreto e nunha decisión efectiva”, máis alá dos anuncios realizados desde o inicio do mandato polo bipartito de BNG e Compostela Aberta.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.