A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais concederá este ano máis dun cento de axudas máis na convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o próximo curso 2026-2027, segundo a resolución provisional da convocatoria publicada onte. Serán, en total, preto de 2.000 bolsas nas súas diferentes modalidades.
Segundo a resolución provisional da convocatoria, concederanse 1.989 axudas, 145 máis que no curso 2025-2026. Por modalidades, concedéronse provisionalmente 1.508 bolsas por escaseza de recursos, a cifra máis alta da historia da convocatoria. Delas, 858 foron bolsas de comedor, que supoñen unha achega de mil euros anuais por crianza; e 650 para a realización de actividades extraescolares, polas que se conceden un máximo de 315 euros anuais por alumno ou alumna. Tamén medra o número de bolsas para a adquisición de material escolar, que se sitúa en 297. Por último, concedéronse provisionalmente 184 bolsas de comedor por razóns de conciliación.
O Concello de Santiago destina un orzamento de 1.150.000 euros ás bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares, 50.000 euros máis que no curso anterior e 400.000 euros máis que no anterior mandato municipal. En canto á contía dos diferentes tipos de bolsa, incrementáronse as axudas para a realización de actividades extraescolares ata un máximo de 35 euros mensuais por menor beneficiado, con independencia do número de actividades realizadas e das horas de asistencia ás mesmas. Ata o de agora, esta axuda era de 15 euros mensuais para actividades de unha hora ou un día á semana, e de ata 30 euros no caso de actividades de dúas horas ou dous días á semana.
En canto ás outras axudas, mantéñense nas contías de anos anteriores. As bolsas de comedor por escaseza de recursos cubrirán o 100% do gasto no caso dos centros públicos, ata 100 euros mensuais (180 euros mensuais no caso dos centros escolares de educación especial); as bolsas de comedor por razóns de conciliación serán de 45 euros mensuais; e as bolsas para a adquisición de material escolar quedan fixadas nun máximo de 100 euros nun pagamento único.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.