A formación nacionalista apoia a elaboración dun plan que ordene a política municipal de subvencións, pero cuestiona que se peche xa o reparto económico para os próximos tres anos, máis alá da actual lexislatura.
O BNG da Laracha abstívose no pleno celebrado hoxe na votación do Plan Estratéxico de Subvencións proposto polo goberno municipal. A formación nacionalista considera positivo que o Concello dispoña por fin deste instrumento de planificación, previsto na Lei Xeral de Subvencións desde hai anos, pero non comparte que se establezan xa os importes concretos que recibirá cada entidade beneficiaria.
A portavoz do BNG sinalou que o obxectivo dun Plan Estratéxico de Subvencións debe ser establecer as liñas estratéxicas e os obxectivos que se pretenden acadar coa actividade subvencional do Concello. Porén, isto non implica a necesidade de fixar anticipadamente as contías asignadas a cada liña, nin moito menos determinar desde este momento as entidades beneficiarias e os importes que recibirán.
Outro dos aspectos que cuestiona a formación nacionalista é a duración do documento, de carácter trianual, que supera o período ordinario da actual lexislatura municipal. Para o BNG, resulta ilóxico que o goberno actual pretenda condicionar con este nivel de detalle a política de subvencións durante un período que vai máis alá do seu mandato. «No caso de gobernar nós, seguramente replantexariamos este reparto», sinalou a portavoz.
O BNG defende, polo tanto, a elaboración do Plan Estratéxico, pero considera que non se deben deixar pechados os importes destinados ás entidades para os próximos tres anos. Ademais, o propio documento contempla que as modificacións posteriores do reparto correspondan á Xunta de Goberno Local, o que, na práctica, deixa fóra da toma destas decisións a opinión dos grupos da oposición.
A formación nacionalista tamén cuestiona a lectura que se está a facer das cifras globais anunciadas publicamente nos últimos días. Ao seu xuízo, a presentación dos importes pretende transmitir a imaxe dun importante incremento das cantidades destinadas ás entidades, cando é necesario ter en conta a evolución dos custos da vida, a inflación e o encarecemento dos gastos que tamén soportan as asociacións e colectivos do municipio.
O BNG lembra, ademais, que non é posible anticipar con certeza cantas entidades solicitarán as subvencións nos próximos exercicios, se aumentará ou diminuirá o seu número nin que propostas de actividades presentarán. Por iso, considera que establecer agora un reparto económico tan concreto introduce unha rixidez innecesaria nun ámbito que require capacidade de adaptación ás necesidades reais do tecido asociativo.
Por todos estes motivos, o BNG da Laracha non puido dar o seu voto favorable ao documento presentado polo goberno municipal e optou pola abstención. A formación reafirma así o seu apoio á planificación estratéxica das subvencións, pero reclama que esta non se converta nunha ferramenta para predeterminar o reparto económico dos próximos anos nin para limitar a capacidade de decisión futura do Concello.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.