Friday 22 de November de 2024

Nava Castro pon en valor a consolidada colaboración de Galicia e Paraguay para a promoción do turismo nos dous destinos


A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación ‘Paraguay como destino turístico’ que contou coa participación da ministra de Turismo do país

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a consolidada relación de colaboración entre Galicia e Paraguay no eido turístico durante a presentación Paraguay como destino turístico na que participou a ministra de Turismo de Paraguay, Marcela Bacigalupo.

Durante o acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura, a ministra de Turismo de Paraguay expuxo o atractivo turístico do seu país, facendo especial fincapé na Ruta Xesuítica.

Nava Castro agradeceu ao Goberno paraguaio a axuda prestada recentemente na viaxe que Turismo de Galicia realizou ao seu país para presentar o Camiño de Santiago e Galicia ante os principais operadores turísticos, o que fixo posible establecer importantes contactos comerciais e institucionais. O obxectivo do acto de hoxe era, precisamente, que Paraguay puidese presentarse como destino ante os operadores turísticos da Comunidade galega.

A directora de Turismo de Galicia enxalzou as similitudes dos dous destinos e afirmou que se está a fomentar o intercambio de experiencias, especialmente no relativo ao Camiño de Santiago e as Rutas Xesuíticas. A maiores destacou o fluxo de datos e información sobre formación hoteleira e turística existentes entre os dous destinos así como a posta en marcha conxunta de programas de capacitación e formación de estudantes de ambas rexións no sector turismo e a difusión de información sobre eventos culturais que teñen lugar nos dous lugares.

Neste sentido, Nava Castro lembrou que esta cooperación se asenta no convenio asinado entre Galicia e Paraguay na última edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), na presenza do Secretario Xeral da Organización Mundial do Turismo (OMT), Taleb Rifai.