Tuesday 13 de October de 2026

Mercedes Rosón esixe activar o plan de medidas correctoras da zona tensionada para frear a escalada do alugueiro


 A concelleira Non Adscrita reclama un censo de vivendas baleiras, inspección das VUT irregulares e a mobilización de solo municipal para construir vivenda a prezo de custo

 Rosón defende a regulación do tope ao alugueiro fronte á proposta de Verea de revisar o PXOM e critica que o goberno de Sanmartín siga sen avanzar nas medidas necesarias para complementar a zona tensionada

A concelleira Non Adscrita Mercedes Rosón esixe ao executivo de Sanmartín que active o programa de medidas correctoras asociado á declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado para reforzar a protección dos inquilinos e ampliar a oferta de vivenda accesible. Ante os primeiros datos publicados sobre a evolución dos alugueiros, Rosón defende que a regulación era imprescindible, pero advirte de que debe ir acompañada de inspección, mobilización de vivendas baleiras e impulso da oferta pública.

“A zona tensionada é un freo de emerxencia imprescindible, pero precisa xestión”, afirma Rosón, que reclama avanzar de inmediato en medidas que permitan facer cumprir a normativa e mobilizar recursos residenciais que permanecen sen uso.

Os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia reflicten que en agosto se asinaron 199 contratos de alugueiro en Santiago, fronte aos 314 do mesmo mes do ano anterior, un descenso do 36,6 %. O prezo medio mensual, pola súa banda, subiu ata os 716 euros, despois de baixar a 696 euros en xullo.

Para Rosón, estas cifras non cuestionan a necesidade da zona tensionada, senón que evidencian a importancia de acompañala de medidas efectivas. “A caída de contratos en agosto non demostra que a regulación falle: moitos adiantáronse a xullo cunha suba do 28 % para esquivar o tope, e outros están fuxindo pola porta de atrás cara á fraude do alugueiro de tempada e ás VUTs ilegais”, sinala.

Censo de vivendas baleiras, inspección e mobilización de solo público

Rosón critica que o goberno de Goretti Sanmartín non avanzase no programa de medidas correctoras e reclama actuacións concretas en tres ámbitos: a elaboración dun censo de vivendas baleiras, o reforzo da inspección das vivendas de uso turístico irregulares e a mobilización de solo municipal para construír vivenda accesible.

A concelleira denuncia que o Goberno municipal “limitouse a pedir a zona tensionada pero cruzouse de brazos”, sen impulsar estas actuacións. Tamén sinala que a empresa pública de vivenda e solo, a través da que se podería mobilizar solo municipal, continúa sen constituírse tres anos despois.

Como alternativa, propón ceder as parcelas que seguen sendo de titularidade municipal en dereito de superficie a cooperativas veciñais, para que poidan construír vivendas a prezo de custo e garantir a súa protección a longo prazo.

Máis vivenda pública e menos desregulación

A concelleira reclama tamén á Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidade na creación de vivenda pública. “Antes de vir dar leccións, o señor Verea debería pedirlle contas á Xunta do PP, que en 18 anos só entregou 24 vivendas públicas en Santiago. Esa é a verdadeira orixe da falla de oferta”, afirma.

Neste contexto, Rosón cuestiona que Borja Verea aproveite os datos dun só mes para reclamar cambios no PXOM. “A resposta á crise da vivenda non é desmantelar o PXOM para compracer aos promotores, senón poñer inspectores na rúa, mobilizar o parque de vivenda baleira e poñer solo público ao servizo da veciñanza”, conclúe.

Outras medidas para avanzar na protección do dereito á vivenda

Rosón lembra que estas medidas forman parte das propostas que presentou nos últimos días para reforzar a protección do dereito á vivenda en Santiago. Entre elas, figura a prohibición das vivendas de uso turístico (VUT) en toda a cidade, así como a creación dun protocolo de “Desafiuzamento cero sen alternativas habitacionais”, que permita anticiparse aos desaloxos mediante un sistema de alerta temperá cos xulgados e a intervención dos Servizos Sociais municipais. A iniciativa contempla tamén un fondo público de garantía do alugueiro para pequenos propietarios que renoven os contratos a prezos limitados ou unha bolsa de realoxamento inmediato para persoas maiores e vulnerables.

A concelleira propuxo igualmente elaborar un censo municipal de vivendas baleiras, que permita identificar os inmobles desocupados e adoptar medidas para favorecer a súa incorporación ao mercado residencial, incluída a aplicación das medidas fiscais correspondentes e, cando proceda, a activación dos mecanismos previstos no Rexistro de Soares.

Deja un comentario