A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou o FIE 2016, que terá lugar os próximos 15 e 16 de xuño no Palacio de Congresos e Exposicións.
O Foro da Innovación para o Emprego ten como obxectivo “contribuír á dinamización do mercado de emprego metropolitano, realizando accións de vinculación laboral directa e fomentando a xestión de novos postos de traballo”, tal e como sinalou Marta Lois. A concelleira destacou o papel das novas tecnoloxías na procura de emprego, mais tamén o que xogan “os concellos para asegurar unha boa correspondencia entre a demanda e a oferta co fin de obter os maiores beneficios destes novos instrumentos que permitan a mellora da empregabilidade das persoas e desemboquen na creación de máis e mellores postos de traballo para a veciñanza”.
O FIE 2016 inclúe un amplo programa de actividades, composto por máis de 40 obradoiros e relatorios, sesións de información e orientación, presentación de marca persoal, presentación de ideas innovadoras e a presenza de máis de 25 empresas con presentacións de recursos e produtos innovadores para a procura de emprego.
Ademais, entre as actividades que se realizan no marco do Foro inclúese a xestión de ofertas de emprego. No marco do Foro da Intermediación e o Emprego 2016 prevese a xestión de 100 ofertas, de tal xeito que algunhas das empresas participantes realizarán entrevistas de selección no propio Palacio de Congresos a persoas candidatas previamente convocadas. Ese proceso de selección comeza hoxe e durará ata o 12 de xuño. As persoas interesadas poden inscribirse no enderezo electrónico da Axencia Local de Colocación.
Oito bloques temáticos
O Foro da Innovación para o Emprego estrutúrase en oito bloques temáticos. O primeiro consistirá na oferta de ata 100 postos de traballo a partir dos procesos de selección das ofertas xestionadas entre o 18 de maio e o 12 de xuño. O segundo, na creación dunha marca persoal aproveitando o pulo das novas tecnoloxías e das formas de acceso a un emprego no marco de Internet.
O terceiro eixo pasa pola colocación de ata 10 puntos de información e asesoramento dos servizos de emprego municipais. No Foro abrirase un espazo de coordinación dos distintos servizos públicos de emprego da Área Metropolitana de Santiago para abordar, en conxunto, os distintos problemas e desafíos que ten o mercado de traballo neste territorio. Búscase reunir ideas para á innovación local e a creación dunha estratexia de emprego enfocada ao fomento das actividades económicas e a consolidación dun mercado de traballo metropolitano.
Contarase tamén coa presenza e presentación de ferramentas e recursos que aportan innovación en materia de empregabilidade, e co chamado “Panel da innovación”, onde cada asistente ao FIE poderá colocar unha idea de innovación aplicable á empresa que afecte á mellora de procesos ou á creación de novos produtos.
Proactividade das persoas participantes
No FIE 2016 propóñense ademais dous programas nos que se busca a proactividade das persoas inscritas. Celebrarase a primeira edición do Concurso de Ideas Innovadoras para o Emprego, dotado con dous premios de 10.000 euros para que os proxectos gañadores poidan implementarse e levarse á práctica fomentando o emprendemento.
Tamén terá lugar o “Preséntate e convéncenos”, unha serie de presentacións rápidas de cinco minutos a empresas e servizos de consultoría e selección. As persoas interesadas participarán en diferentes obradoiros de preparación nos días previos ao Foro e contarán co asesoramento de persoal.
As persoas que queiran participar deberán inscribirse no enderezo electrónico da Axencia Local de Colocación. A partir de hoxe está aberto o proceso de preinscrición para as ofertas de emprego que se xestionarán durante o FIE e, nos vindeiros días, abrirase a inscrición para o resto de actividades e eventos.