• Desde Salva Sabugueira cuestionan a necesidade real do polígono industrial, vendo un interese máis especulativo.
• Mercedes Rosón, pon en valor a protección do Camiño de Santiago ás portas dun Ano Santo e incide no seu apoio ás demandas da Plataforma: “a dignidade da Sabugueira non se expropia”.
Mercedes Rosón, Mila Castro, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez percorreron este xoves, xunto coa Plataforma veciñal en defensa da Sabugueira, a parte do Camiño Francés afectada polo proxecto de parque empresarial que a Xunta de Galicia pretende tramitar mediante un Proxecto de Interese Autonómico (PIA). Tras coñecer sobre o terreo a contorna afectada, Rosón advertiu de que “hoxe abonda con pisar este camiño para entender o auténtico disparate que pretenden perpetrar dende os despachos de San Caetano”.
Durante o roteiro polo tramo afectado do Camiño Francés, integrantes da Plataforma trasladaron as súas principais reivindicacións e explicaron sobre o terreo o impacto que tería a actuación na calidade de vida da veciñanza, na contorna natural da parroquia e no Camiño de Santiago. Manuel Salgado, portavoz da Plataforma, expuxo ademais o alcance da pegada de carteis con códigos QR para a recollida de sinaturas nunha particular “manifestación de carballos” que busca chamar a atención de peregrinos e peregrinas. Uns camiñantes que, segundo explicou, trasladan diariamente a súa incredulidade ante o proxecto: “pensaban que os estabamos enganando”.
Mercedes Rosón, transmitiulles o seu apoio en todo momento, destacando e agradecendo o seu traballo incansable e loable contra un macroparque polo que “ata os carballos se manifestan”, sinalou. A concelleira non adscrita e candidata á alcaldía, lembrou a importancia de protexer un espazo declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1993 así como a propia vida habitual nunha contorna natural da parroquia da Sabugueira que se vería alterada polo proxecto industrial que se busca executar.
A actividade da Plataforma veciñal en defensa da Sabugueira
As veciñas e os veciños están a facer un intenso labor de recollida de sinaturas para paralizar o avance do parque empresarial mediante o PIA, sumando na actualidade preto de 20.000. Unha proposta que se intensificou, segundo explicaban durante a camiñada guiada polo Camiño Francés, coa colocación de carteis que amosan o estado actual da carballeira afectada e como quedaría tras a construción do parque empresarial, incorporando un código QR para facilitar información sobre o proxecto.
Manuel Salgado, portavoz de Salva Sabugueira explicou que o parque empresarial “sería feito por expropiacións de 5 a 10 euros por metro cadrado” e remarcou a negativa da veciñanza á posta en marcha dun proxecto no “que a promotora o único que quere é pura especulación, que é conseguir terreos a 5 euros e despois vendelos a 100” engadiu.
As reclamacións da Plataforma van enfocadas á posta en valor da parroquia para a ordenación e desenvolvemento do terreo, a realización dunha análise rigorosa de impactos presentes e futuros do parque empresarial no medio natural e a garantir a participación activa da veciñanza no proceso de toma de decisións.
Segundo Manuel Salgado, a construción do polígono suporía dividir a parroquia en catro partes para acceder ao lugar afectado, ao non facerse directamente coa A-54, así como expropiar varios terreos das veciñas e veciños. “Aquí ao final quen saen perdendo son só os veciños, tanto en calidade de vida como en patrimonial”, asegurou.
Unha perda que non están dispostos a sufrir, pois cuestionan a necesidade real do macroparque ao non existir un estudo de mercado “que demostre que realmente fai falta aquí”, xa que “temos exactamente a 1km en liña recta un polígono do Pino que quedou totalmente abandonado, incluso o ano pasado saíu a poxa e quedou deserta. Temos tamén aprobado a ampliación do polígono da Sionlla en 400.000 metros cadrados máis e incluso hai parcelas que están sen vender”, manifestou Manuel Salgado.
Por todo, manteñen as esperanzas de poder parar o proxecto, pois tal e como recordou o veciño, xa o frearon o ano pasado e o informe tivo que ser reformulado de xeito que se explicara de maneira máis exhaustiva o impacto medioambiental.
O Ano Santo sen parte do treito final do Camiño de Santiago
“Ás portas dun Ano Santo queren sacrificar o Camiño de Santiago por un bastante obvio interese especulativo”, explicou Mercedes Rosón sobre a intervención da promotora privada e da Xunta de Galicia no proxecto a través dun PIA. Unha actuación que, segundo expuxo, desatende ás advertencias recollidas no informe do ICOMOS, organismo asesor da UNESCO en materia de patrimonio, sobre o “impacto crítico” irreversible que tería no lugar.
A concelleira non adscrita, sinalou que a posición do goberno de Rueda é a mostra dunha despreocupación polas demandas dos veciños e das veciñas, a quen lles agradece a súa organización para “poñer voz e plantar cara polo interese xeral”. Unha mobilización que, en palabras de Rosón, está sendo silenciada polo órgano autonómico coa retirada de pancartas das leiras nas que se poden ler mensaxes negativas dirixidas ao PIA.
Para a edil, a acción da Xunta demostra que “se lle acaba o tempo e as escusas”, pois a Plataforma leva recollidas “preto de 20.000 sinaturas veciñais e de persoas que pasan por este camiño a diario, o rexeitamento técnico e ambiental e a advertencia da UNESCO”, indicou. A isto sumou o apoio maioritario do Pleno de Santiago, unha votación na que “o Partido Popular volveu retratarse preferindo quedar sós defendendo a San Caetano e aos promotores antes que poñerse de lado dos 900 veciños desta parroquia”, aclarou Mercedes Rosón.
“Este PIA ten que ir directamente á papeleira”, pois “a dignidade da Sabugueira non se expropia”, apuntou a concelleira non adscrita e candidata á alcaldía, quen puxo de manifesto o seu apoio á veciñanza de Lavacolla reafirmando o seu acompañamento e respaldo, así como o das súas compañeiras Castro, Álvarez e Muíños, “a todas as mobilizacións que, desde a Plataforma impulsen”. Asegurando, desta maneira, a súa presencia na manifestación do vindeiro 17 de outubro.
A proposta contra o PIA conta co respaldo maioritario da corporación municipal
O percorrido por este tramo afectado polo PIA de Lavacolla chega despois de que a tamén concelleira Non Adscrita, Mila Castro, presentara no pleno de setembro unha proposición na que solicitaba a desaprobación do proxecto a través do PIA por parte de toda a corporación municipal e o arquivo inmediato deste procedemento. Unha proposta que se aprobou a pesar da abstención do Partido Popular.
Na sesión plenaria, Castro xa fixera mención ao artigo 40.6 da Lei 1/2021 de Ordenación do Territorio de Galicia, xa que establece que a promotora privada, neste caso, Pontepedroso Real Estate S.L., debe contar coa aceptación das persoas propietarias que representen máis do 50% do solo de actuación para que poida ser tramitado por un PIA, algo que non se cumpre no caso de Lavacolla.
Nesta liña, a concelleira non adscrita recordou que o concello dispón de máis de 820.000 metros cadrados de solo empresarial público xa planificado “onde se podería desenvolver este proxecto”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.