A compañía fará a estrea de Comed[IA] no marco da mostra de teatro
A concelleira de Cultura de Ribeira, Ana Barreiro, recibiu hoxe a integrantes de Píscore; a compañía teatral pertencente a Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega que establece a súa residencia artística no novo Auditorio municipal do 7 ao 9 de outubro ao abeiro do acordo de colaboración asinado entre o Concello e a entidade. Nomeadamente, saudou a Erica Pereiro, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas.
Durante estes días, ultimarán a posta en escena da súa nova montaxe Comed[IA], que terá a súa estre absoluta en Ribeira no marco da mostra de teatro no venres, 9 de outubro, ás 21.15 horas.
Ademais, como antesala, no xoves, 8 de outubro, ás 12.00 horas, haberá unha pre-estrea matinas dirixida a público escolar dos centros educativos de todo o municipio (dende 5º de Primaria a toda Secundaria).
“O Auditorio municipal de Ribeira representa o corazón dende o que latexa cultura a cada espazo do noso municipio. Esta é unha
infraestrutura cunhas prestacións excepcionais que tamén leva parella unha programación de calidade como se demostra coa actividade que acolle. Pero este goberno municipal quere ir máis alá e seguir potenciando este recurso, polo que no Pleno ordinario do mes de setembro aprobamos a adhesión á Rede Galega de Teatros e Auditorios que permitirá situar a Ribeira no mapa dos grandes escenarios de Galicia, optimizando o uso dos espazos culturais e garantindo o acceso da veciñanza a espectáculos profesionais de primeiro nivel”, manifestou a edil. A isto engadiu que outro dos usos previstos para esta instalación é a de residencia artística para dar apoio e colaborar de maneira máis directa cos artistas, polo que “este tipo de accións como poden ser ensaios abertos ou residencias artísticas tamén contribúen a potenciar o noso Auditorio e seguir traballando para convertelo nun centro cultural de referencia a nivel galego.”
Para Barreiro, este tipo de iniciativas tamén contribúen a difundir o nome e a imaxe do municipio, pois, na cartelería da xira e material promocional de Comed[IA], figurará en todo momento o logo do Concello de Ribeira nos distintos lugares onde actúen.
As anteriores residencias artísticas que houbo na localidade foron no ámbito da danza coa compañía de Fran Sieira, no 2024, e no teatro coas compañías Vórtice Escénico+Ancorase+CDG e outra con ALÖ Producións, no 2025.
En Comed[IA], o público mergullarase no universo da carreira espacial pasada, presente e futura, as novas tecnoloxías, a Intelixencia Artificial e tódalas incógnitas que agocha o espazo exterior. Dirixida por Fran Rei, nesta cuarta montaxe de creación propia, Píscore ofrece unha nova dose de humor e música, con gags trepidantes, referencias cinematográficas, unha visión divertida da actualidade e novos instrumentos, como o theremin ou o otamatone.
E todo isto con astronautas, extraterrestres, naves espaciais e o Universo de fondo.
Compañía que mestura música e teatro
Píscore nace no 2016 coa vontade de crear espectáculos nos que o teatro, o humor e a música se mesturen para sorprender ao público dende múltiples dimensións. Dende entón, construíron un estilo inconfundible no que destacan a comedia física, o virtuosismo sobre instrumentos como a marimba e o xilófono e unha posta en escena sempre orixinal. Os seus espectáculos foron recoñecidos polo público con diversos galardóns, entre eles, o Premio do Público do Festaclown de Vilagarcía (2017 e 2019). Ademais, foron os mellor valorados na programación Domingos do Principal de Pontevedra, en 2018 e 2020; seleccionados en Camiño Escena Norte 2025, no Festival de Teatro Clásico de Almagro; Premio do Público Infantil na Mostra de Teatro de Cariño; e visitaron países como Colombia e Portugal, así como a xeografía española. Píscore continúa a consolidarse como unha das compañías máis singulares e innovadoras da escena galega actual.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.