Friday 09 de October de 2026

“Crónicas dun NON!” chega este venres a Neda dentro do ciclo de cinema documental


Cuarta entrega do ciclo de cinema documental do Concello de Neda. Este venres proxéctase na Casa da Cultura “Crónicas dun NON!”, un documental que recupera a historia do movemento de insubmisión en Galicia e a loita colectiva que contribuíu á desaparición da “mili”. A proposta chega á vila da man do Outono das Artes da Deputación da Coruña.
O documental, que se poderá ver a partir das 20:30 horas, está baseado na experiencia persoal do seu director, Fernando Rodríguez Gómez «Peñaño», detido no ano 1989 pola súa negativa a incorporarse ao Servizo militar Obrigatorio, permaneceu en prisión preventiva, foi xulgado e condenado a un ano de cárcere.
O audiovisual repasa máis dunha década de desobediencia civil e de defensa de dereitos e liberdades, que acabou coa profesionalización total das Forzas Armadas e o fin definitivo do servizo militar hai 25 anos.
Producido por Taller de Insomnios e Serea Films, “Crónicas dun NON!” recolle nos seus 70 minutos testemuños de persoas que participaron en Galicia na mobilización, e propón unha reflexión sobre o valor da participación cidadá e a capacidade da acción colectiva para impulsar cambios sociais e políticos.

Deja un comentario