Friday 09 de October de 2026

Neda reclamará á Xunta que polo menos o 50% do canon da auga reverta nos concellos onde se recada


O pleno do Concello de Neda aprobou por maioría absoluta, no transcurso da sesión ordinaria deste luns, reclamar á Xunta de Galicia transparencia no reparto do canon da auga e que, como mínimo, a metade do que pagan por este concepto os veciños e veciñas dos distintos municipios se invista en obras de mellora das súas localidades. No período 2012-2024, Augas de Galicia recadou en Neda un total de 795.301 euros.

A moción presentada polo grupo socialista apunta que o canon da auga é un tributo propio da Xunta de Galicia, creado co obxectivo de financiar infraestruturas hidráulicas, mellorar a calidade das masas de auga, e garantir unha xestión sostible do ciclo integral da auga. Trátase dun imposto que recadan os concellos e transfiren á administración autonómica “sen que exista un mecanismo obxectivo, transparente e proporcional que garanta que os recursos retornan aos territorios nos que se xeran”, segundo expón o texto.

A iniciativa, que saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG, aposta, segundo recolle na súa parte expositiva, por “un reparto baseado en tres principios: retorno territorial, principio de solidariedade e financiamento do sistema”.

Así, o Concello de Neda instará á Xunta, a establecer un sistema público, regulado e transparente de distribución do canon da auga.

Demandará que garanta que, como mínimo, un 50% da recadación obtida en cada concello reverta en obras no propio municipio, un 30% se destine a un fondo de solidariedade territorial, destinado a concellos con maiores necesidades de infraestruturas, e o resto a custos de xestión e mantemento. Solicitará que publique un informe anual detallado que inclúa a cantidade recadada por municipio e as obras que se fixeron.

O grupo municipal do PP votou en contra do conxunto de medidas, defendendo o volume de investimentos que, grazas ao canon, se están a facer en localidades de toda Galicia. Un extremo que, como apuntaron BNG e PSOE, non cuestiona a moción, que “non nace da falta de investimentos senón da falta de transparencia” e da “subxectividade no reparto”. Moveneda optou pola abstención ao non recibir resposta previa ás súas propostas de emenda, que a voceira optou por non debater na sesión.

Deja un comentario