Friday 09 de October de 2026

A alcaldesa de Ribeira participa na apertura das charlas a cargo de Pedro García Aguado para a prevención de adiccións dixitais


 Sampedro destacou que “temos que ser nós os que controlemos á tecnoloxía e non ao revés” e facer un uso responsable da mesma

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, deu a benvida hoxe a Pedro García Aguado na súa estadía na localidade para impartir dúas charlas para a prevención de adiccións dixitais dentro do proxecto FES (Formación, Educación e Sensibilización) impulsado pola Federación Autonómica de Centros de Ensino Privados.

O coloquio da mañá estivo dirixido a estudantado de Secundaria dos centros de ensino do municipio para darlles pautas para evitar caer na dependencia das pantallas.

Durante a apertura, a rexedora sinalou a evolución da sociedade “en boa medida ao compás das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Vivimos nun mundo cada vez máis dixitalizado no que as redes sociais incluso son unha ferramenta de traballo.” Unha dixitalización que chega ao máis cotiá como son as tarefas do fogar e, “todo son facilidades, si, que se agradecen enormemente. Pero onde radica o quid da cuestión é en facer un uso responsable desta tecnoloxía e ser conscientes en todo momento de que temos que ser nós os que controlemos á tecnoloxía e non ao revés”, destacou Sampedro.

Neste senso, a mandataria local apuntou que a rapazada de hoxe en día son nativos dixitais e “por iso é responsabilidade que vos acompañemos, que vos axudemos a ser vós quen domine as pantallas e facer un uso axeitado dos dispositivos móbiles e das súas apps. Que sexades donos do voso tempo, non as pantallas. Que contempledes ocio máis alá de consumir contido de Instagram ou TikTok. Que non sexades dependentes do mundo dixital, que non vos comparedes.”

Deseguido, Pedro García Aguado iniciou a súa charla cunha contextualización de como foi a adolescencia. Este relatorio continuará pola tarde orientado a familias, profesorado e público en xeral.

Deja un comentario