Será impartida por José Luís García García, deputado provincial de Promoción Económica e Emprego, que será presentado pola voceira municipal socialista Verónica Gómez Fuentes
O PSOE de Ordes organiza este venres 20 de maio unha charla informativa sobre o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, que terá lugar no Museo do Traxe Juanjo Liñares ás 21:00 horas. Unha conferencia que será impartida polo deputado provincial de Promoción Económica e Emprego, José Luís García García, quen será presentado pola concelleira e voceira municipal do PsdeG-PSOE no Concello de Ordes, Verónica Fuentes Gómez. A asistencia é libre e de balde.
García explicará os cambios acometidos polo socialista Valentín González Formoso no Plan de Emprego Local, que no caso de Ordes incrementarase dos 11.400 euros consignados polo anterior Goberno do PP aos 52.000 euros actuais. O deputado provincial socialista explicará como as bases dos procesos selectivos deste Plan están pensadas para favorecer especialmente a colectivos como desempregados maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas en risco de exclusión social, mulleres ou persoas cun grado de discapacidade superior ao 33%.
O Plan de Emprego Local multiplica por seis o esforzo inversor que viña realizando ata o de agora o ente provincial en materia de emprego e incorpora novidades como axudas ao fomento da iniciativa empresarial entre mozos/as emprendedores e incentiva a contratación de persoal no ámbito público e privado (pequenas empresas).