O Concello subliña a responsabilidade da entidade pública nos actuais vertidos da EDAR ao deixar a medias a mellora da depuradora
O goberno local espera respostas dende hai case ano e medio ao Plan director de saneamento remitido á Xunta para avanzar solucións
O Concello de Neda insta a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia a acabar coa “discriminación que sofre dende hai anos a veciñanza de Neda”, e incluír nos orzamentos do 2027 partidas para avanzar no saneamento da localidade, como fixo co resto dos municipios da ría. A moción do PSOE, apoiada por BNG e Moveneda, incide en que a empresa pública ten responsabilidade directa na actual situación de vertidos á ría, ao deixar sen completar a ampliación e mellora da EDAR que contratou hai máis dunha década, impedindo o correcto funcionamento da depuradora, e esixe o fin dos expedientes sancionadores por vertidos que, precisamente, son resultado desas deficiencias. O PP, partido que, cando gobernaba, decidiu que Neda quedara fóra do Plan integral saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol, abstívose.
O pleno ordinario debatía este mediodía en sesión ordinaria unha moción sobre o saneamento municipal. Un texto que debulla as xestións realizadas polo Concello para reverter a situación actual e sentar as bases dunha colaboración con Augas de Galicia para acabar cos vertidos á ría, orixinados en gran parte, segundo recoñecía o seu director en sede parlamentaria pola «deficiencia da depuradora e os alivios frecuentes».
O motivo, segundo o texto aprobado, é que Augas de Galicia segue sen completar o proxecto de ampliación e mellora da depuradora que contratou no 2014, e retomou no 2020, tras a quebra da firma adxudicataria. Consecuentemente, as obras, con “graves deficiencias que impiden o correcto funcionamento”, segundo informe de Viaqua, seguen sen ser recepcionadas polo Concello. Un período no que, a pesar de ter “unha responsabilidade directa”, a entidade pública empresarial abriu unha batería de expedientes sancionadores a Neda por vertidos.
Con todo, na procura de solucións, o Concello impulsou neste mandato o Plan director de saneamento acordado coa Xunta. O documento descarta a viabilidade a estas alturas de continuar coa actual EDAR e contempla, segundo a alternativa elixida, investimentos estimados de entre 20 e 24 millóns de euros. Unha contía que obviamente é imposible de asumir con recursos propios para un Concello cun orzamento total de 5,5 millóns. “A piques de cumprirse ano e medio dende a remisión do Plan Director, non se tivo noticia algunha de Augas de Galicia” ao respecto.
O Concello, coa maioría absoluta de PSOE, BNG e Moveneda, e a abstención do PP, insta a Augas de Galicia e á Xunta a incorporar nos orzamentos para 2027 unha partida significativa para comezar “no prazo máis curto posible” a “conexión do saneamento de Neda ao sistema da marxe dereita da ría de Ferrol, salvo criterio técnico fundamentado contrario”. Reclámase ademais o “cese inmediato” dos expedientes sancionadores ao Concello derivados da inacción de Augas de Galicia.
O Concello comprometeuse, a proposta de Moveneda e BNG, a incorporar explicitamente unha partida no próximo orzamento para melloras no saneamento, intervencións que, segundo se apuntou, xa se veñen realizando.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.