Esta iniciativa da Fundación Galega Contra o Narcotráfico conta coa colaboración do Concello
Presentarase ás familias e clubs deportivos convocados no 8 de outubro, ás 17.00 horas, no vello Auditorio municipal
O programa Adestrar sen pantallas. Gañar en saúde chega a Ribeira da man da Fundación Galega Contra o Narcotráfico (FGCN), coa colaboración do Concello, co obxectivo de fomentar un uso saudable da tecnoloxía dende o deporte. Neste senso, xa están convocadas as familias e clubs deportivos para a presentación de dita iniciativa no xoves, 8 de outubro, ás 17.00 horas, no vello Auditorio municipal, a cargo de Antonio Rial Boubeta, da Universidade de Santiago de Compostela, e Joaquín González Cabrera, da Universidad Internacional de La Rioja.
Trátase dun programa pioneiro impulsado pola FGCN e deseñado por expertos para a prevención, a través do deporte, das adiccións a Internet, móbiles, redes sociais, videoxogos e apostas, o cal conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración técnica das referidas institucións universitarias.
Unha vez perfilados os últimos detalles, esta iniciativa comezarase a implantar como proxecto piloto nos municipios de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Cambados e A Estrada para promover dende o ámbito deportivo un uso saudable das pantallas entre a mocidade galega, rapazada con idades comprendidas entre os 12 e 13 anos. Para tal cometido, contarase coa colaboración das Administracións locais citadas, clubs participantes e federacións das disciplinas do atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol e ximnasia, coa vontade de estendelo a outras localidades e modalidades en fases sucesivas.
Adestrar sen pantallas. Gañar en saúde céntrase no desenvolvemento de competencias emocionais e relacionais, nos riscos asociados ao uso abusivo das pantallas e nas estratexias para a promoción do benestar dixital; papel onde os/as adestradores/as adquiren gran relevancia. En consecuencia, as actuacións previstas buscan instar ás familias e á comunidade para tomar conciencia e fomentar a práctica deportiva e a actividade física como alternativa de lecer saudable e desenvolvemento integral das persoas.

Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.