Monday 05 de October de 2026

O PSdeG reivindica o compromiso do Goberno de España con Santiago fronte a unha dereita que “leva anos sen dar á cidade as respostas que necesita”


Guinarte advirte de que nas eleccións xerais “o que decidamos nas urnas vai ter consecuencias moi concretas” para Compostela e defende ampliar o parque público, mobilizar as máis de 6.000 vivendas baleiras da cidade e manter as ferramentas da Lei de Vivenda.

Guinarte contrapón a aposta do Goberno socialista pola intervención pública en vivenda coa falta de respostas da Xunta para Santiago e reivindica a continuidade de investimentos estratéxicos como o Orbital e o Orbitaliño, a estación intermodal ou a nova depuradora da Silvouta.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu da importancia que terán para Santiago as próximas eleccións xerais e das consecuencias concretas do resultado das urnas para cuestións fundamentais como o acceso á vivenda ou a continuidade dos investimentos estratéxicos impulsados nos últimos anos na cidade.
Guinarte asegurou que “estas eleccións xerais son fundamentais para Santiago porque o que decidamos nas urnas vai ter consecuencias moi concretas para esta cidade e para a vida dos composteláns e das compostelás”, e situou a vivenda como unha das grandes cuestións en xogo. Nunha cidade con máis de 6.000 vivendas baleiras e na que acceder a un alugueiro a un prezo asumible é cada vez máis difícil, defendeu que “é indispensable ampliar o parque público, mobilizar a vivenda baleira e seguir contando coas ferramentas que puxo en marcha o Goberno de España a través da Lei de Vivenda”.
Neste sentido, o voceiro socialista incidiu en que existen “dous modelos claramente diferentes”, o dun Goberno socialista “que defende a intervención pública para facilitar o acceso á vivenda” e o dunha dereita “que se opuxo a estas políticas e que, desde a Xunta, leva anos sen dar a Santiago as respostas que necesita”. Guinarte defendeu así a continuidade das políticas públicas que permitan incrementar a oferta de vivenda e facilitar o acceso a prezos asumibles ante un dos problemas que máis condicionan actualmente a vida na cidade.
Xunto á vivenda, Guinarte puxo o foco na continuidade dos investimentos estratéxicos e asegurou que “estes anos demostraron o importante que é para Santiago contar cun Goberno de España comprometido coa cidade”. O socialista destacou que se mobilizaron millóns de euros, pero incidiu en que “sobre todo falamos de feitos concretos” que están permitindo avanzar en infraestruturas fundamentais para o presente e o futuro de Compostela.
Entre elas, lembrou actuacións como “facer realidade o Orbital e impulsar o Orbitaliño”, claves para as áreas empresariais, así como a transformación da estación intermodal e a mellora das conexións ferroviarias. Guinarte destacou tamén a importancia de “acometer unha infraestrutura estratéxica como a nova depuradora da Silvouta” e a contribución do Estado á renovación de equipamentos públicos próximos á veciñanza como os pavillóns de Vite e Santa Isabel.
Por todo isto, Guinarte asegurou que os socialistas afrontarán estas eleccións “defendendo os intereses de Compostela e explicando todo o que esta cidade se xoga”, porque “sabemos o importante que foi contar cun Goberno de España comprometido con Santiago e queremos que ese compromiso continúe nos próximos anos”.

Deja un comentario