Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño multiplica as actividades culturais e de lecer coa chegada desta fin de semana


Os Venres en Sansa, a celebración das Letras, un xantar popular e a Parada de xogos tradicionais enchen a programación do municipio desde o venres até o domingo

A fin de semana vén cargada de propostas de lecer para todas as idades. O Concello concentrou no sábado os actos conmemorativos das Letras Galegas, que arrancarán pola mañá -12.00h.- na casa consistorial coa actuación das escolas de música tradicional e que continuarán á tarde -18.00h.- coa proxección na Casa da Cultura do documental de Gonzalo Veloso “Cantando a Manuel María”. Ademais, o domingo á tarde a A.VV. O Castelo de Narahío lévanos a Outeiro de Rei para visitar a casa natal do escritor e algúns dos lugares que inspiraron a súa obra. Porén, non para aí a oferta. E é que a comisión de festas do San Cristobo organiza o sábado un xantar popular con paella para 1.000 persoas e, se o tempo axuda, o CPI convoca para a tarde dese mesmo día a 3ª Parada familiar de Xogos Tradicionais. Ah, e cómpre lembrar que este venres temos a primeira xornada dos Venres en Sansa. ¿Alguén dá máis?

Vaiamos por partes e con orde comezando polo venres. Ás 20.00h. arranca a programación do Venres en Sansa deste ano cun obradoiro de videocreación que se impartirá na Aula Cemit con 10 prazas dispoñibles. Unha hora despois empezará unha sesión de Zumba no ximnasio do CPI -20 prazas- e entre as 23.00h. e a 1.00h. da mañá desenvolveranse simultaneamente a actividade de educación canina e a ruta nocturna de ciclismo, a primeira con 8 prazas dispoñibles e a segunda con ata un máximo de 40.

O programa oferta ata o 17 de xuño unha ducia de propostas de lecer alternativo para a mocidade de entre 12 e 35 anos, aínda que no caso dalgunhas actividades -en concreto as rutas ciclistas, a orientación e o sendeirismo- non hai límite de idade máxima. A día de hoxe hai vacantes en varios obradoiros e para apuntarse neles cómpre bulir xa que as prazas van cubríndose por orde de chegada das solicitudes á Casa da Cultura dándolle prioridade ás persoas empadroadas no concello. A ficha de inscrición pode descargarse desde aquí e a información completa dos Venres en Sansa atópase nesta ligazón.

Letras Galegas
O sábado é o día elixido polo Concello para honrar ás letras e ao homenaxeado deste ano, Manuel María. Un autor falecido en 2004 que deixou unha abondosa e diversa obra literaria na que destacan os seus poemarios de fonda vinculación coa terra e coa cultura do País. Porén, Manuel María tamén foi libreiro, editor e activista político e, quizais, un dos escritores máis cantados e con maior penetración no ensino.

Os actos comezan ás 12.00h. no patio da Casa do Concello coa música das escolas municipais que, de seguro, ofrecerán algunhas das pezas convertidas en melodía sobre a base da súa poesía. A máis famosa de todas: O Carro, extraída do poemario Terra Chá (1954) que Fuxan os ventos pasearía polos escenarios de medio mundo e que o propio Manuel María aseguraba non lembrar xa sen a música que Baldomero Iglesias “Mero” escribiu para ela. Este cantantautor e o seu inseparable “Mini” tiveron unha relación moi estreita con Manuel María, tanto no persoal como no traballo de facer música coa súa poesía. Eles son dúas das voces que participan no documental de Gonzalo Veloso “Cantando a Manuel María”, que o director presentará ás 18.00h. na Casa da Cultura. A peza ofrece unha oportunidade única para aprender algo máis -ou descubrir- a figura do Poeta da Terra Chá a través dos testemuños de quen o coñeceron de preto.

E, despois de ver o documental, teremos a posibilidade de visitar da man da asociación veciñal O Castelo de Narahío algúns dos lugares de referenza da vida e obra de Manuel María. Será o domingo á tarde cunha visita guiada á casa natal do autor -hoxe sé da fundación que leva o seu nome- en Outeiro de Rei. A asociación pón un autobús ás 15.30h. con sáida do Eirexado que será gratuíto para persoas socias da entidade e cun custo de 10€ para non socias -nenos e nenas menores de 12 anos non pagan-, incluíndo no prezo a viaxe e a visita guiada á casa-museo, ademais dun pequeno percorrido pola beira do Miño ao seu paso pola vila chairega e polas espectaculares Penas de Rodas que quedan preto de alí. Para participar na viaxe hai que contactar con O Castelo o venres como moi tarde chamando ao 626 563 869, ao 619 805 061, ao 981 490 302, ou enviándolle unha mensaxe ao facebook da entidade.

Xantar popular en Ferreira e xogos tradicionais na Cortiña
A xornada do sábado -a máis cargada en canto a programación- inclúe outras dúas propostas ben interesantes. A primeira delas é o 3º Xantar popular que organiza a partir das 14.00h. a comisión de festas do San Cristobo no aparcadoiro da capela situada en Ferreira de Arriba. O prato estrela será unha paella que poderán degustar ata 1.000 comensais, aínda que o menú incorpora tamén xarrete de tenreira asado, sobremesa, café e chupito.

O xantar terá lugar baixo unha carpa e os tiques están á venda no Bar Ferreira, en Casa Casal, no Bar Xayda, no Bar del Palacio e na cafetería As Tres Pontes por un prezo de 20 €. Os nenos e nenas de menos de cinco anos non pagan e os de 5 a 12 anos terán un prezo especial de 10 €. Ademais, tamén terán para eles hinchables e xogos. A xornada inclúe música do picadiscos de Moeche “DJ Carlos Mera”.

Para baixar o gorentoso menú de Ferreira existe a posibilidade de achegarse ata o arboredo da Cortiña -ao carón do paseo fluvial de San Sadurniño- onde a partir 16.30h.do sábado terá lugar a 3ª edición da Parada familiar de Xogos Tradicionais organizada polo CPI de San Sadurniño en colaboración coa ANPA, o Concello e O Castelo de Narahío.

Haberá unha chea propostas para que participen maiores e rapazada: os tres pés, a chave, as bólas, brilé, tirapedras, o pano, a rá, tiro de corda, zancos, obradoiro de enredos… Xogos e xoguetes de toda a vida que o centro de ensino tenta recuperar e difundir polo seu alto valor educativo e de preservación da cultura inmaterial. Un obxectivo común á rede Brinquedia, da que o CPI forma parte xunto con outros colexios e entidades galegas. A información do evento encóntrase dispoñible a través do blog paradaxxttsansa.blogspot.com