Sunday 04 de October de 2026

O PSdeG esixe ao Goberno de Sanmartín acelerar as políticas de vivenda ante unha situación que “non admite máis esperas”


Marta Abal critica o bloqueo do PP ás medidas de vivenda no Congreso e advirte de que Santiago “non pode depender dunha Xunta de Galicia que construíu apenas 24 vivendas protexidas en 19 anos”.

A concelleira socialista reclama ao Goberno local que acelere o estudo da vivenda baleira e constitúa dunha vez por todas a empresa pública de vivenda para ampliar o parque municipal de alugueiro.

O PSdeG de Santiago participou hoxe na concentración celebrada na Praza do Obradoiro en defensa do dereito a unha vivenda digna e axeitada e para reclamar “respostas, non máis bloqueos nin esperas”.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou hoxe, desde a concentración celebrada na Praza do Obradoiro en defensa do dereito á vivenda, acelerar as políticas municipais para ampliar a oferta de alugueiro en Santiago, nomeadamente a mobilización das vivendas baleiras e a constitución da empresa pública de vivenda.
Abal lembrou que onte “o Partido Popular e outras forzas da dereita votaron en contra dos decretos de vivenda que incluían medidas para facilitar o acceso á vivenda e protexer ás persoas inquilinas” e advertiu de que, mentres hoxe miles de persoas volven saír á rúa para reclamar solucións, “queda máis claro que nunca que necesitamos respostas, non máis bloqueos nin esperas”.
En Santiago, os datos tamén esixen actuar, cunha cifra de demandantes de vivenda que se duplicou en dous anos ata superar as 2.100 persoas e con tres de cada catro solicitantes que demandan unha vivenda en alugueiro ou alugueiro con opción a compra. Para Abal, ante esta realidade “precisamos construír máis vivenda protexida”, pero tamén “acelerar as medidas que xa temos ao noso alcance para incrementar o parque de vivenda en alugueiro”.
Neste sentido, a concelleira asegurou que desde o Grupo Municipal Socialista “non nos cansaremos de reiterar a urxencia de mobilizar a vivenda baleira” e incidiu en que para facelo “necesitamos coñecer canto antes cantas vivendas están realmente baleiras e en que condicións se atopan”. O Goberno de Goretti Sanmartín está a elaborar ese estudo e prevé telo dispoñible a finais de ano, pero para Abal “a situación require acelerar os prazos e poñer todos os recursos necesarios para rematalo canto antes”.
Xunto á mobilización da vivenda baleira, a socialista considera “urxente constituír dunha vez por todas a empresa pública de vivenda”, especialmente porque “non podemos depender dunha Xunta de Galicia que construíu apenas 24 vivendas protexidas en Santiago en 19 anos”.
Abal reivindicou así que “Santiago necesita unha ferramenta propia para facer política de vivenda” coa que poder “crear un parque municipal de alugueiro, impulsar a rehabilitación e a construción de vivenda protexida, desenvolver solo e axilizar trámites e licenzas”.

Deja un comentario