Unha trintenta de veciños e veciñas de Frades participou na tarde do luns no espectáculo organizado polo Concello de Frades para conmemorar o Día das Letras Galegas: “O conto de Barriga Verde”, un espectáculo producido pola compañía “Os Sete Magníficos máis Un”, protagonizado polo actor Fran Rei e baseado en tres contos de Manuel María. Unha representación que contou coa participación do alcalde de Frades, Roberto Rey.
Durante case unha hora, Fran Rei representou unha peza xurdida a partir de tres obras do poeta chairego: “Barriga Verde”, “Os Soños na Gaiola e Aventuras” e “Desventuras dunha Espiña de toxo chamada Berenguela”. Os nenos e nenas de Frades non só gozaron coa narración e o humor dos monicreques de Fran Rei, senón que tamén participaron como protagonistas nalgunhas fases da obra.